Redondela proxecta o novo paseo do litoral de Cesantes

adminON

– O Concello de Redondela acaba de contratar o proxecto de execución no novo paseo do litoral de Cesantes, desde o porto ata o á praia, que suporá un novo espazo de case 4.000 metros cadrados.

-A alcaldesa, Digna Rivas, lembra que a creación deste paseo era un das súas apostas persoais para este mandato, e que permitirá á veciñanza desprazarse camiñando ou en bicicleta desde o centro da vila até a praia”.

– Con este proxecto Redondela gañará un novo espazo para a cidadanía “ao tempo que nos permitirá protexer a paisaxe, conservar e mellorar un área natural de gran valor ecolóxico”, engade a alcaldesa

O Concello de Redondela acaba de contratar a redacción do Proxecto Básico e de Execución dun novo paseo no litoral de cesantes. O ámbito de actuación esténdese desde o porto de Cesantes até o acceso á praia polo Camiño da Mariña. A superficie na que se vai intervir supón un espazo de 3.900 m2 aproximadamente. Trátase dun proxecto no que se reflectirá o deseño do paseo e as solucións construtivas. O prazo de execución é de tres meses, polo que estará rematado este verán.

A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que a creación dun paseo polo litoral de Cesantes era un das súas apostas persoais para este mandato “e agora damos xa o primeiro paso para facelo unha realidade”. Trátase dun importante proxecto “que vai transformar o espazo litoral da parroquia de Cesantes, que levaba anos esquecido”, afirma Rivas. Este novo paseo marítimo partirá desde a lonxa de Cesantes até a praia da Punta “e permitirá á veciñanza e aos nosos visitantes desprazarse camiñando ou en bicicleta desde o centro da vila até a praia”. O obxectivo desde proxecto “é gañar un novo espazo para a cidadanía, con zonas de lecer e esparexemento cunha mobilidade máis amable, dando prioridade aos peóns”. Neste caso de Cesantes ademais, ponse en valor un espazo natural de gran valor ecolóxico, dentro da Rede Natura 2000, e o novo paseo “permitirá conservar e mellorar o patrimonio natural e cultural, e protexer a paisaxe”, engade a alcaldesa.

A praia de Cesantes, o seu paseo marítimo e os espazos agroforestais da zona actúan xa como áreas verdes e dotan de zonas de lecer á cidadanía. O areal e a súa contorna fomentan o ocio ao aire libre e contan cunha zona de arboredo e equipamento de bancos e mesas que supoñen un refuxio climático para a cidadanía. O novo paseo permitirá ampliar os espazos de lecer ao aire libre, ao tempo que preparará este tramo do litoral ante futuros episodios de subidas do nivel do mar.

Comparte este artigo