No pleno do pasado xoves BNG votou abstención na moción conxunta e dende o consello local estradense non entenden o por que de tanto ataque a este partido

adminON
Lectura mínima de 3

No pleno do pasado xoves  BNG votou abstención na moción conxunta e dende o consello local estradense non  entenden o por que de tanto ataque a este partido pola súa posición fronte a unha moción que aceptan mais que non apoian por non chegar tan lonxe como se debería e porque nela non se recollen compromisos concretos por parte do concello nin do partido gobernante: “O PP non busca ningún tipo de consenso, mais que nada porque teñen a maioría absoluta e sempre fan o que eles unanimemente deciden sen importarlles os puntos de vista da oposición. Isto é algo que deixan ben claro en cada comisión. O único que buscan con estes ataques é tentar calar a oposición, tela mansa e de man, para que non destapen as súas vergoñas, contradicións e carencias como estamos a facer o BNG en cada pleno, mostrando que temos propostas para facer deste concello un modelo BNG como Allariz ou Pontevedra.

Dende o BNG acusan ao alcalde por mostrar no pleno unha nova da prensa co caso de violación dunha veciña: “Algo que nos parece vergoñento e deshonroso: volvendo poñer o foco de atención na vítima que utilizan con fins políticos polo que pedimos ao señor López que pida desculpas”, demanda o voceiro Xoán Reices. Dende o BNG puxéronse sobre da mesa propostas para afianzar a igualdade dende a administración e exixirán o cumprimento do plan municipal de Igualdade e fronte a Violencia de Xénero con fiscalizacións regulares. “O plan municipal de Igualdade non pode ser un mero trámite para conseguir subvencións, senón unha ferramenta política para usarse transversalmente en todas e cada unha das políticas aplicada”, defende a concelleira Vanesa Iglesias.

Dende o BNG piden ao goberno municipal que exixa máis financiamento para a SAF e velarán polo cumprimento dos dereitos laborais destas traballadoras algo que “ o PP nin se preocupou ata que unha inspección de traballo sacou a relucir a explotación destas traballadoras na empresa contratada polo concello e sinalamos á concellería de servizos sociais como responsable directa”.

Por outra banda, o BNG exixiu que o goberno local presente un recurso de alzada contra o parque eólico Monte Xesteiras que afecta directamente á parroquia de Vea e ás súas veciñas. “Os veciños e veciñas saben que contan dende o día 1 co apoio do BNG para tumbar este parque que se asenta a menos dun quilómetro das casas e que afectara de pleno na vida diaria dos veciños” , afirma Xoán Reices.

Comparte este artigo