Cadrando co arranque deste 2021 en Moeche bota a andar un novo recurso de conciliación para familias con meniñas e meniños menores de tres anos. E é que desde hai uns días xa está funcionando a casa niño “Irmandiños”, promovida pola emprendedora Laura Fernández coa colaboración da Xunta de Galicia e tamén do Concello, quen lle cedeu parte das instalacións do edificio da antiga biblioteca da Casabranca. No inicio da súa andaina, na casa niño xa xogan e aprenden tres menores e están previstas dúas novas incorporacións en datas próximas, co que completará a súa capacidade máxima de cinco crianzas. A alcaldesa, Beatriz Bascoy, felicitou á promotora do proxecto e destacou a importancia de contar cun recurso coma este no territorio.
As únicas opcións de conciliación para nais e pais de Moeche con nenas e nenos de entre 0 e 3 anos de idade eran tres: tirar de avós e avoas ou doutros familiares, acudir á EIM A Rolada de San Sadurniño -a máis próxima- ou que un dos dous renunciase a traballar para atender o meniño ou meniña nesta primeira etapa da súa vida. Tal e como comenta Beatriz Bascoy, a posta en marcha da casa “vén cubrir unha necesidade importante no noso concello, ademais de contribuír indirectamente á fixación de poboación e á igualdade de oportunidades entre mulleres e homes”.
As casas niño poden coidar dun máximo de cinco nenas e nenos, ofrecéndolles ás familias un servizo totalmente gratuíto. A diferenza das escolas infantís ou dos PAI -puntos de atención á infancia-, nas casas niño non hai un proxecto educativo asociado, de maneira que fan as veces dunha gardaría de proximidade sen selo, xa que a súa filosofía é a de que sexa unha persoa do lugar quen coide dos pequenos durante unhas horas ao día no seu propio fogar ou noutras instalacións, que en calquera caso deben estar adaptadas para ese cometido.
A Xunta apoia a creación deste tipo de servizos nos municipios con menos de 5.000 habitantes. Desde 2016 xa se puxeron en marcha preto de medio cento de casas niño en toda Galicia. A de Moeche é froito dun proxecto presentado por Laura Fernández, quen lle solicitou axuda ao Concello para dispor dun lugar axeitado onde poder levalo a cabo. Tras sopesar distintas posibilidades, o Goberno local optou por cederlle parte do edificio da antiga biblioteca da Casabranca.
O convenio asinado é por tres anos -prorrogables- e todas as obras de acondicionamento do espazo correron por conta da propia Fernández cunha achega única autonómica de 15.000 euros, a maiores dos 19.000 cos que a Xunta financia anualmente o propio funcionamento do recurso de conciliación.
A alcaldesa, Beatriz Bascoy, engadiu que a casa niño tamén significa “a creación dun posto de traballo para unha persoa autónoma”. A rexedora comenta que, ademais do propio valor do servizo, a iniciativa tamén permite “darlle uso a un local que tiñamos infrautilizado e que se remodelou parcialmente sen custes para o Concello”.
A casa niño “Irmandiños” atende neste momento tres crianzas durante un máximo de 8 horas ao día. Trátase dun servizo subvencionado ao cento por cento, polo que as familias poderán deixar os nenos e nenas ao coidado de Laura Fernández totalmente de balde. A promotora xa ten confirmada a cuarta incorporación para o mes de abril e a quinta para setembro, momento no se se completaría a capacidade deste novo recurso.
Para calquera consulta ou dúbida ao respecto do funcionamento do servizo pódese contactar con Fernández no teléfono 636 207 074 ou no correo irmandinos.cn@gmail.com.