A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou as bases e a convocatoria para a concesión de subvencións en especie para a adquisición de libros para as nenas e os nenos empadroados no Concello de Ourense, dotada cun orzamento de 210.000 euros. Na mesma sesión, a ordinaria desta semana, deulle o visto e prace ás bases e á convocatoria do concurso de comparsas do Entroido 2024, cun orzamento de 22.000 euros. En total, a Xunta de Goberno abordou este mediodía 16 expedientes presentados polas diferentes áreas e servizos municipais
Concedéronse 4 licenzas: para a reforma de portal e modernización de ascensores nun inmoble na rúa Xoán XXIII, para o modificado do proxecto de instalación dun ascensor nun edificio na rúa Sáenz Díez, para a instalación dun ascensor nun inmoble na rúa Parada Justel, e para a rehabilitación dun edificio de vivendas na rúa Pena do Vao. Tamén se aprobaron 3 correccións de erros en acordos de xuntas de goberno local anteriores
Por parte da Avogacía Consistorial, deuse conta de 2 sentenzas e 5 emprazamentos recibidos para que o Concello compareza perante os xulgados do Contencioso Administrativo número 1 e 2 de Ourense en diferentes procedementos abreviados.

