A Concellería de Benestar Social e Igualdade pon en marcha nos centros escolares os obradoiros “Non pasa nada, pasa algo?”, encamiñados a mellorar a información sobre as adiccións. As actividades estan destinadas ao alumnado de 3º, 4º de ESO e FP Básica, e nelas ofrécense claves para manexar unha información obxectiva e veraz que lle axude á rapazada a adoptar decisións autónomas e responsables. Estes obradoiros complementan os xa iniciados en decembro e enmárcanse no Programa de Saúde na Escola.
Tal e como explican desde o departamento de Servizos Sociais, “Non pasa nada, pasa algo?” pretende facilitar información “precisa e axeitada a cada idade” sobre as distintas adiccións que asexan á infancia e a mocidade, co obxectivo de compensar “a baixa percepción do risco que existe na cidadanía sobre o consumo de substancias e comportamentos aditivos”.
Segundo a responsable da área, a concelleira Mari Carmen Martínez Rodríguez, “informar é fundamental para axudar a entender as características xerais das condutas adictivas, as súas implicacións na sociedade e a desterrar prexuízos, así como a establecer un maior coñecemento nesta materia”.
A finalidade das sesións que se desenvolven nos centros de ensino feneses é, en último caso, “sensibilizar e evitar o desenvolvemento e consolidación de consumos problemáticos, ademais de promover estilos de vida saudables entre a adolescencia”.
O programa dos obradoiros inclúe a descrición das distintas substancias e dos seus efectos e consecuencias en aspectos físicos, psíquicos, sociais e legais, de cara a que a rapazada sexa consciente dos seus riscos. Nomeadamente abórdanse os perigos do alcol, do cannabis e incluso das ludopatías, cuxa incidencia se multiplicou nos últimos anos “pola proliferación dos videoxogos en liña, pero tamén de máquinas e casas de apostas virtuais de acceso relativamente doado para menores e xente moza”, advirten desde a Concellaría de Benestar Social e Igualdade.
Os obradoiros preventivos “Non pasa nada, pasa algo?” impártense nos centros de ensino coa colaboración dunha técnica de ASFEDRO. Para ampliar información sobre o seu contido pódese contactar co Centro Municipal de Servizos Sociais de San Valentín nos teléfonos 981 492 706 e 981 342 607 ou no correo servizos.sociais@fene.gal.



