A proba realizarase entre os veciños de 40 aos 79 anos de idade
A evolución da situación epidemiolóxica preocupa ao Concello de Soutomaior xa que, desde Nadal, os contagios foron incrementándose chegando a superar hoxe mesmo, por primeira vez en toda a pandemia, os 100 casos. Por iso, o alcalde, Agustín Reguera, solicitou esta semana ao Sergas un cribado masivo para determinar o alcance real da pandemia entre a veciñanza.
Así, segundo anunciou o alcalde durante o pleno municipal celebrado esta mañá, o estudo epidemiolóxico realizarase durante a próxima semana entre os veciños con idades comprendidas entre os 40 e os 79 anos, aproximadamente unhas 3000 persoas, o que supón algo máis dun 40% da poboación. Como no resto de cribados realizados polo Sergas, só poderán participar nas probas aquelas persoas que fosen citadas previamente polo Servizo Galego de Saúde.
Aínda que a proba é voluntaria, o alcalde quixo recalcar a importancia de asistir á convocatoria para axudar a coñecer a incidencia real do virus no municipio. “É moi importante que todos os citados acudan ás probas, pola súa propia seguridade, pola de quen lle rodea e pola de todos os veciños”, indicou Reguera, que anunciou que os resultados dos test comunicaranse persoalmente a cada veciño polo SERGAS.