A metraxe amosarase o público ás 20.00 horas, na sala polivalente do novo Auditorio municipal
O ourizo de mar é un recurso específico que tamén se extrae nas Confrarías de Pescadores de CarreiraAguiño e Ribeira nun plan conxunto de traballo, pero que, non obstante, non é tan recoñecido como outros produtos que proporciona o mar. Por iso, o Concello de Ribeira tomou a iniciativa de gravar o documental O mar dende dentro: o ourizo, producido por Víctor Oujo no que, ao longo de 20 minutos de metraxe, se narra en primeira persoa como é o seu proceso de captura e comercialización, ademais das diferenzas con respecto a este proceso antano e como variou o seu prezo e usos a través do testemuño dun mariñeiro xubilado.
O resultado da gravación amosarase ao público no mércores, 29 de abril, ás 20.00 horas, na sala polivalente do novo Auditorio municipal.
Segundo manifesta a alcaldesa, María Sampedro, “todos somos conscientes do vínculo que ten Ribeira co mar a nivel económico, social, cultural, deportivo… De feito, somos un dos principais portos de baixura de toda Europa, pero as nosas confrarías tamén fan un traballo que é digno de destacar coa extracción de recursos excepcionais que contribúen a Ribeira calidade. Temos a festa de exaltación do percebe, da navalla ou do polbo. Non obstante, os nosos pósitos tamén traballan o ourizo; un produto do mar menos coñecido, pero con moito valor culinario.”
En sentido similar tamén se pronuncia o concelleiro de Mar, Fernando Abraldes, para quen “a iniciativa deste documental xorde por parte do Concello de Ribeira para dar a coñecer un recurso específico como é o ourizo. Aquí amosamos dende a perspectiva dun mariñeiro, quen
tamén é o produtor da peza audiovisual, todo o proceso: toda a preparación para saír ao mar, os utensilios a empregar para a súa extracción, como é unha xornada de captura e a súa comercialización. E únese presente e pasado. Pretendemos así poñer en valor este produto que tamén é moi apreciado a nivel culinario, cun forte sabor a mar.” O edil tampouco descarta máis iniciativas desta índole para “divulgar o traballo das nosas confrarías e os recursos que atesoura a nosa costa, promocionando o noso litoral dende outra perspectiva. Porque vivir o mar non é só desfrutar dos nosos areais, tamén saber que é un medio de vida e que o sector desenvolve o seu traballo de maneira respectuosa e sostible, adaptándose aos tempos do mar.”

