Familias de Boqueixón aprenden trucos para xestionar os conflitos en familia

Redacción
Lectura mínima de 2

O CPI Antonio Orza Couto acolleu a primeira sesión do programa “Educar en Familia”, organizado polo Concello de Boqueixón, en colaboración coa Dirección Xeral de Saúde Pública. Un programa dirixido a pais e nais con crianzas escolarizadas en infantil, primaria ou secundaria e ofrecido polo Servizo de Prevención de Condutas Aditivas dos Concellos de Boqueixón, Teo, Touro e Vedra.

A formación xirou en torno á xestión de conflitos, onde as persoas asistentes aprenderon trucos para resolver as tiranteces que xorden no día a día na familia. O poñente comezou definindo coas familias presentes o que é un conflito, defendendo que non sempre ten que ter unha carga negativa xa que o ser humano precisa do conflito para construír a súa identidade, sobre todo no caso dos máis novos.

Posteriormente, as familias traballaron a maneira de xestionar os intereses e necesidades da rapazada e dos pais e nais para así resolver os conflitos, apostando pola escoita activa, a empatía e a asertividade. A xornada mesmo incluíu unha serie de casos prácticos.

Tras o éxito acadado en Boqueixón, o Servizo de Prevención de Condutas Aditivas dos Concellos de Boqueixón, Teo, Touro e Vedra levará esta iniciativa ao auditorio da Ramallosa (Teo) o próximo mércores 29 de abril, ás 18:30 horas. As inscricións están abertas en educarenfamiliaconcellos@gmail.com.

Comparte este artigo