HomeA CoruñaA CoruñaO Pleno aproba a Ordenanza do uso do galego proposta polo Goberno...

O Pleno aproba a Ordenanza do uso do galego proposta polo Goberno local, tras tres décadas de atraso

- Anuncio -spot_img

Lage: “A ordenanza non só normaliza algo que debería ser normal senón que tamén pon fin a unha anomalía que debemos reparar e cumprir a lexislación vixente 31 anos despois”

O Pleno do Concello da Coruña aprobou esta mañá, coa única abstención do grupo Popular, a Ordenanza para o uso da lingua galega no Concello da Coruña, en que se establece o seu emprego en todas as accións e actuacións, na documentación, na comunicación social e nas relacións coa cidadanía e con todas as entidades situadas en Galicia.
O voceiro do Goberno local, Juan Manuel Lage, sinalou que a proposta de ordenanza é froito do compromiso do Goberno e do acordo de mandato co BNG, que incluía entre outras cousas o impulso ao uso do galego no Concello da Coruña.
O Goberno, explicou, está orgulloso de dar este paso, consciente de que a proposta inicial é mellorable e de que ao longo do proceso se emendarán as deficiencias que poida presentar o documento. “Estamos abertos a recoller todas aquelas propostas que melloren a ordenanza. Non haberá ningún problema”, dixo.
Agradeceulles o apoio á ordenanza aos grupos do BNG, da Marea Atlántica, e da concelleira non adscrita, e reprochoulle ao PP que se abstivese, cando en 2017 votou a favor da ordenanza da Deputación da Coruña, que é moi similar ou case igual á presentada hoxe no Pleno.
Durante a súa intervención, o edil lembrou que o 2 de xuño deste ano cumprirase o 160 aniversario da celebración dos Xogos Florais de Galicia, que supuxo un fito no impulso do rexurdimento da lingua que tivo nesta cidade o seu baluarte. Para o concelleiro, a aprobación deste ordenanza é unha digna homenaxe a ese aniversario e “servirá para saldar unha débeda co movemento que permitiu o revivir da nosa cultura e que nos configurou como o que somos; un pobo coa sorte de ter dúas linguas das que beber”.
O edil fixo un recordatorio das distintas leis que serviron para impulsar o uso do galego, como a Lei do uso do galego, que recoñecía o galego como lingua oficial das entidades locais baixo o mandato dun goberno socialista e onde se impulsaban as políticas de normalización. Tamén a Lei de normalización lingüística de 1983 recoñece o galego como lingua propia de Galicia e lingua oficial das institucións da comunidade autónoma, da súa Administración, e en 2004 aprobouse por unanimidade o Plan xeral de normalización da lingua galega, que recolle os obxectivos da Administración para consolidar o papel normalizador das corporacións locais no uso do galego como principal lingua de traballo e comunicación.
Tamén lembrou a Constitución de 1978, que rexe o noso sistema democrático, en que se establece a cooficialidade das distintas linguas do país. Lage, que enumerou outros concellos que teñen en vigor ordenanzas similares desde hai anos e destacou que a Deputación aprobou en 2017 unha ordenanza moi similar á que o Goberno local presentou no Pleno “cumprindo cun compromiso dos socialistas coa lingua, coa cultura e coa normalización do uso do galego na nosa Administración” .
A ordenanza do galego no Concello da Coruña, dixo, non só normaliza algo que debería ser normal, senón que tamén pon fin a unha anomalía que debemos reparar cumprindo a lexislación vixente con 31 anos de atraso. “A ordenanza chega tarde, pero chega para impulsar o uso da nosa lingua en todos os ámbitos e para que a cooficialidade pase de ser unha intención a converterse nunha realidade”. Para o Goberno local, a lingua é unha ferramenta para entendérmonos, de diálogo; o elemento nuclear da cultura galega, da nosa cultura e debe formar parte do uso normalizado da Administración local. “Temos unha visión do uso da lingua incluínte, a lingua non é unha arma é patrimonio das galegas e dos galegos”, dixo o concelleiro.
Lage rexeitou o uso da lingua como unha arma de confrontación entre distintos partidos políticos e defendeu o dereito das persoas de falaren no idioma que queiran: “o que é propio non se impón, as linguas son para entenderse e cantas máis linguas se utilicen máis seremos capaces de medrar en todos os ámbitos.
“Normalizar o uso da lingua galega é algo que non deberá estar en discusión”, sinalou.
A ordenanza aprobada hoxe de maneira inicial recolle que a veciñanza poderá elixir entre o galego ou o castelán para se dirixir a calquera unidade administrativa local e terá dereito tamén a ser atendida e a obter ou recibir a documentación e as notificacións municipais en lingua galega. O Concello da Coruña e os organismos que dependen del –entes asociados, padroados, organismos autónomos, sociedades, fundacións, centros de formación, museos, arquivos, Bibliotecas Municipais e Escolas Infantís Municipais– rexeranse por esta ordenanza co fin de impulsaren a utilización do idioma.
Para o Goberno de Inés Rey, este paso é necesario de cara a potenciar a utilización dunha lingua que se está perdendo, mais tampouco discrimina a cidadanía que opte polo castelán para se comunicar con este organismo e cos entes que dependan del.
Coa súa aprobación, A Coruña será a última das grandes cidades que se sume a regular o seu uso na escrita e nas comunicacións orais.
Polo tanto, os servizos que teñan relación co público fomentarán o galego tanto no eido oral coma no escrito e todas as actuacións do Concello realizaranse neste idioma, sen prexuízo de que, cando legalmente sexa requisito, tamén se fagan noutra/s lingua/s.
O regulamento implica o uso da lingua galega en anuncios e campañas propias e nas accións formativas e nas compras de bens e materiais de todo tipo, polo que se procurará que estes estean en galego, xa for na súa etiquetaxe, configuración ou uso. Nas contratacións de servizos concretarase que deben ser desenvoltos en galego, agás nos casos en que, pola natureza do servizo, deban ofrecerse tamén noutra lingua.
As comunicacións municipais que se dirixan a calquera das administracións públicas
de ámbito territorial galego e á Administración xeral e periférica, de xustiza ou militar dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, redactaranse en lingua galega. Ademais, o persoal ao servizo do concello coñecerá suficientemente e estará en condicións de empregar correctamente a lingua galega no desenvolvemento do seu traballo, tanto oralmente como por escrito.
O concello promoverá a recuperación, historia, orixe, coñecemento e uso da toponimia e microtoponimia propia da Coruña de cara a nomear as rúas, prazas e edificios de titularidade pública. Nesta tarefa, teranse en conta os criterios establecidos pola Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia e optarase sempre por un topónimo tradicional antes que por fórmulas de nova invención.
O voceiro do Goberno local encomiou o labor desenvolto polo persoal traballador do Servizo de Normalización Lingüística (SNL), o que hai que dotar de recursos económicos, materiais e humanos, co obxecto de impulsar a normalización da lingua, procurar o incremento do uso e prestixio do idioma galego no ámbito municipal e coordinar as accións necesarias para que se cumpra esta ordenanza.

Publicacións Relacionadas