• Os residentes na zona levan máis dun ano agardando polo novo proxecto que substituría ao xa aprobado e adxudicado polo anterior goberno e retirado polo Bipartito actual
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, amosouse de novo disposto a tender pontes coa Deputación de Pontevedra pese a cumprirse xa máis dun ano de espera polo novo e ansiado proxecto de mellora da estrada de Almofrei, prometido polo actual goberno Bipartito unha vez que decidiu unilateralmente cancelar a obra xa contratada polo anterior goberno para a EP-0405. Jorge Cubela mantén unha actitude positiva ante esta situación pese ao tempo transcorrido e, mediante unha misiva enviada aos veciños e veciñas de Almofrei, explicoulles o momento de “impass” que vive o Concello marcado pola inacción resolutiva da Deputación de Pontevedra. Cubela lembra que “o Goberno Bipartito, cando chegou ao poder, cancelou este proxecto e, despois de amosar a nosa repulsa e preocupación pola decisión adoptada, as nosas reivindicacións lograron que, en xaneiro do 2020 (hai xa máis dun ano) e durante a inauguración da Praza da Chan, os novos responsables da Deputación manifestaran o seu compromiso de presentar un novo anteproxecto que seguimos agardando”. Concello de Cerdedo-Cotobade O alcalde de Cerdedo-Cotobade manifestou que “seguimos matendo en todo momento un talante aberto e construtivo sen deixar de lado a capacidade de xestión e intermediación para lograr que os veciños e veciñas de Almofrei teñan canto antes un anteproxecto serio e contrastado para a EP-0405, que responda ás necesidades da veciñanza desde un punto de vista de seguridade vial, dotación orzamentaria e urxencia na súa execución”. Pese a este enorme retraso en dar unha resposta satisfactoria por parte da Deputación “seguiremos neste tema coa nosa actitude positiva, de man tendida e de presión constructiva para que nos presenten, tal e como se comprometeron, un anteproxecto ambicioso que realmente sexa operativo e acaído ás reivindicación que desde a veciñanza e o Concello levamos anos solicitando”, indica Cubela. “Lamentablemente, despois de todo un ano de espera, seguimos sen noticias por parte da Deputación, agás que están traballando no tema”, insiste Cubela quen manifesta aos veciños que “tede a completa seguridade de que eu e o Concello estamos pendentes e dispostos a abrir calquera canle de diálogo co único obxectivo de conseguir para os veciños o que é de xustiza: A mellora da estrada EP-045, a estrada dos veciños de Almofrei”, conclúe o alcalde de Cerdedo-Cotobade.