Cubela salientou a importancia destas instalacións municipais que permiten unha versatilidade na práctica de hábitos deportivos e saudabres entre a veciñanza da zona
O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de autorizar o gasto de 22.616,59 euros a unha empresa local do municipio para acometer actuacións varias na cuberta do pavillón polideportivo de Cerdedo e poñer remedio aos problemas de filtracións e humidades que viñan padecendo estas instalacións municipais. Esta obra lévase a cabo polo Concello de Cerdedo-Cotobade grazas aos aforros nos procesos de contratación do Plan Concellos o que permite agora afrontar esta serie de traballos que afectan directamente á cuberta da pista polideportiva que presenta graves deficiencias por entrada de auga de choiva en diversas zonas polo que viña afectando ao interior da edificiación tanto para o seu mantemento como para o uso deportivo. A cuberta está realizada por cobertura chapa tipo Sandwich apoiada en grandes vigas e correas de madeira laminada que se alternan con chapas translúcidas para o paso da luz. Así, as obras a realizar e que deben estar rematadas antes do mes de xuño, céntranse no peto do canalón interior, e contemplan o selado e impermeabilización ademais do pintado do encontro de xuntas de chapa Sandwich. Concello de Cerdedo-Cotobade Por outra banda, aproveitarase esta intervención para reparar os aleiros perimetrais de formigón armado e a colocación de chapa translúcidas que están deterioradas ademais de tapetas, tornillería e selado entrepaneis así como medidas preventidas a adoptar na obra. O alcalde, Jorge Cubela, salientou a importancia destas instalacións municipais que permiten unha versatilidade na práctica de hábitos deportivos e saudabres entre a veciñanza da zona e sinalou que “con esta actuación porase fin a un grave problema que viñamos arrastrando no pavillón e que tiñamos que solucionar para garantir non so a seguridade na práctica deportiva dos usuarios senón tamén a conservación e o mantemento dunhas instalacións tan importantes para todos nós”, indicou o rexedor.