O BNG presenta proposta de estacionamentos para veciñanza e comercios en Palmeira, Corrubedo e Castiñeiras

Redacción
Lectura mínima de 3

O pleno de Ribeira debaterá unha proposta do Bloque Nacionalista Galego orientada a mellorar o estacionamento nas parroquias de Palmeira, Corrubedo e Castiñeiras, co obxectivo de facilitar o día a día da veciñanza e reforzar a actividade dos negocios locais, especialmente nos meses de maior afluencia. Así o informou o voceiro Luís Pérez e as concelleiras Antía Alberte e Veva Betanzos.

A iniciativa nace dun proceso de escoita activa iniciado baixo a Alcaldía de Pérez Barral, no que se recolleron as inquedanzas e necesidades tanto de veciños e veciñas como de comerciantes destas parroquias. O incremento de visitantes durante a tempada estival, sumado ás características urbanísticas das vilas mariñeiras, fai necesario avanzar cara a solucións que garantan un uso máis equilibrado do espazo público.

Neste sentido, a proposta contempla a creación de zonas de estacionamento exclusivo para residentes nestas tres parroquias, permitindo reservar prazas para as persoas que teñen vivenda, viven e traballan todo o ano no municipio. Trátase dunha medida xa implantada con éxito noutros concellos e que contribuiría a reducir as dificultades para aparcar, mellorando a convivencia e o benestar da veciñanza.

A concelleira do BNG, Antía Alberte, subliñou que “esta proposta xorde directamente de escoitar á veciñanza e ao tecido comercial de Palmeira, Corrubedo e Castiñeiras. O noso compromiso é dar resposta ás súas necesidades cunha medida útil e pensada para mellorar a súa calidade de vida por iso propoñemos establecer aparcadoiros disuasorios para todo o mundo e logo zonas exclusivas para veciñanza”. Alberte informou que xa existe un informe policial favorable que se aprobou en setembro de 2025 no goberno de Pérez Barral.

Pola súa banda, o exalcalde e portavoz, Luís Pérez Barral, destacou que “esta iniciativa dá continuidade a unha liña de traballo xa iniciada no anterior mandato, cando puxemos en marcha infraestruturas como os estacionamentos disuasorios de Fafián e na Avenida de Ferrol, ou a municipalización do Centenario reducindo tarifas que permitiron aliviar a presión en zonas céntricas e mellorar a mobilidade no conxunto do municipio”.

A proposta do BNG inclúe a  identificación as zonas máis necesitadas, a súa posterior análise na Mesa de Mobilidade coa que garantir que se poidan incorporar suxestións e a adaptación da ordenanza municipal de circulación para garantir a súa correcta implantación.

“Imos seguir traballando para desenvolver ese novo modelo de cidade que se centra nas persoas e negocios, no que o crecemento turístico vaia da man do benestar da veciñanza e do impulso ao comercio local” concluíu Barral.

Comparte este artigo