O concello de Caldas de Reis recibe o borrador do convenio para o desenvolvemento do polígono industrial de Paradela-Carracedo

Redacción
Lectura mínima de 4

 O alcalde, Jacobo Pérez, destaca que esta é a primeira pedra para consolidar ao municipio como referente económico e empresarial nos vindeiros 50 anos


 O documento xa está a ser analizado polo departamento de Intervención e a intención do Goberno local é levalo a Pleno para a súa aprobación en canto sexa posible

O Concello de Caldas de Reis vén de recibir, por parte do Consorcio de Zona Franca de Vigo, o borrador do convenio para o desarrollo do polígono de ParadelaCarracedo. Este documento, que xa está sendo estudado polo departamento de Intervención, “é a primeira pedra para consolidar ao municipio como motor económico da bisbarra e referente empresarial da provincia de Pontevedra”, tal e como sinala o alcalde, Jacobo Pérez, que confirma que o documento, unha vez revisado polos técnicos municipais, será levado a Pleno o antes posible para a súa aprobación. Deste xeito, o Goberno local continúa avanzando nunha das súas máximas prioridades, como é garantir o incremento de chan empresarial no municipio, facilitando ás empresas emprazamentos axeitados que permitan a creación de riqueza e de máis postos de traballos. Neste aspecto, o alcalde tamén incide na importancia que ten o futuro polígono para consolidar un maior asentamento poboacional e mellorar a calidade de vida da veciñanza. “Contar cun área de máis de 800.000 metros cadrados para o asentamento de empresas suporá unha ferramenta moi importante para que a nosa poboación medre, de xeito que poidamos volver a estar por riba dos 10.000 habitantes”, apuntou.

O borrador é froito do traballo de colaboración entre Zona Franca e a Administración local. Tal e como consta no documento, o ente estatal comprométese a asumir os custes da urbanización do polígono, mentres que o Concello de Caldas de Reis será o encargado de levar a cabo as xestións administrativas e urbanísticas correspondentes. O
convenio terá unha vixencia de catro anos, con posibilidade de prórroga por outros cantos. En ningún casa se superarán eses oito anos de duración. Entre os puntos destacados, figura tamén o compromiso de establecer unha Comisión de Seguimento, co obxectivo de “concretar, axilizar, controlar e garantir a execución plena e satisfactoria” dos obxectivos. Este órgano estará composto por técnicos de ambas institucións, ademais do propio alcalde e do delegado especial do Estado no Consorcio de Zona Franca de Vigo.

Jacobo Pérez destaca a trascendencia desta tramitación, que supón “dar un paso decisivo para garantir o desenvolvemento socioeconómico de Caldas de Reis nos vindeiros 50 anos”. Grazas a este convenio, o municipio contará cunha área empresarial de máis de 830.000 metros cadrados. O alcalde caldense incide en que isto traducirase “nunha mellora moi importante tanto na calidade como nacantidade de emprego xa non só no noso concello, senón en toda a bisbarra” e incide en que “vainos permitir abrir novas posibilidades económicas na vila, máis alá do turismo”. Pérez Gulín confirmou, asemade, que son moitas as empresas que están moi pendentes deste desenvolvemento industrial. “Caldas vai ter a capacidade de atraer e asentar a moitas empresas. A pesares de que aínda estamos a dar os primeiros pasos na tramitación, sabemos que hai moitas entidades doutros lugares interesadas en asentarse aquí. Ademais, as empresas locais tamén van dispoñer de máis espazo para continuar medrando”, sinalou Jacobo Pérez, que, unha vez máis, agradeceu a implicación e o compromiso de Zona Franca para facer realidade este convenio. “Esta é unha folla de ruta que se cubrirá a medio prazo, pero que non podería facerse realidade sen estas primeiras tramitacións”, advertiu.

Comparte este artigo