Concretamente, no Concello de Zas a delegada visitou un dos tramos da AC-404 de Santa Comba a Baio que se mellorará con esta actuación. En total neste municipio está previsto a mellora de máis de 11,7 quilómetros cun investimento de case 727.000 euros
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada pola directora territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, Begoña Freire, realizou hoxe unha visita a Zas a un dos treitos incluídos no proxecto de reforzo de firme da Rede Autonómica de Estradas de Galicia co obxectivo de informar da licitación hoxe destas actuacións, que beneficiarán a dez concellos e a máis de 55.000 habitantes e que terán un prazo de execución de 6 meses.
Concretamente, no Concello de Zas a delegada visitou un dos tramos da AC-404 de Santa Comba a Baio que se renovará con esta actuación. En total neste municipio está previsto a mellora de máis de 11,7 quilómetros cun investimento de case 727.000 euros.
Estas actuacións beneficiarán a 10 concellos da Baña, Cabana de Bergantiños, Cee, Fisterra, Laxe, Muros, Muxía, Santa Comba, Vimianzo e Zas, en 8 estradas, ao longo de preto de 65 quilómetros. O investimento total ascende a máis de de 3,5 millóns de euros.
A representante do Goberno autonómico subliñou que non será necesario realizar expropiacións, xa que todas as actuacións se desenvolverán dentro da franxa de dominio público
Durante a visita, a representante autonómica destacou que estas obras teñen como finalidade mellorar a seguridade viaria e a comodidade da circulación, actuando nos treitos que presentan un maior grao de deterioro.
As intervencións levaranse a cabo en función do estado do firme. Nas zonas rurais nas que o firme está consolidado, procederase á regularización da calzada e ao recrecido do pavimento. Pola súa banda, nos treitos urbanos onde existen limitacións de cota, realizarase o fresado do firme e a súa reposición. Ademais, actuarase nas zonas con danos estruturais, como rodeiras, afundimentos ou gretas, mediante fresado e reposición, e nos tramos interurbanos executarase tamén unha capa de microaglomerado en frío para garantir a regularidade da superficie.
No que respecta ás características técnicas, empregaranse mesturas bituminosas en quente (MBQ) e tratamentos específicos segundo o tipo de intervención, incluíndo tamén as correspondentes regas de adherencia.
O proxecto inclúe tamén a reposición da sinalización horizontal nos treitos afectados e a instalación de resaltos nas liñas de carril nas zonas fóra do ámbito urbano
Por último, Belén do Campo destacou o compromiso da Xunta co mantemento e mellora da rede viaria autonómica, incidindo na importancia destas actuacións para favorecer a cohesión territorial e o desenvolvemento económico das comarcas implicadas.

