A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mantivo esta tarde unha videoconferencia cos autores das catro categorías premiadas na terceira edición destes galardóns, que tamén concede o Premio Especial á Sustentabilidade á reforma dun edificio para oito vivendas, oficina e aparcamento no número 11 da rúa Colón en Vigo
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou esta tarde o fallo do xurado dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación de Galicia 2020, que nesta terceira edición concedeu o Premio galego de arquitectura 2020 á Escola infantil de A Veigadaña no Concello de Mos, e o galardón á traxectoria profesional ao arquitecto Manuel Gallego Jorreto. Tamén se recoñeceu o Premio Especial á Sustentabilidade á reforma dun edificio existente para 8 vivendas unha oficina e aparcamento no número 11 da rúa Colón en Vigo.
Ángeles Vázquez lamentou que esta comunicación se teña que facer telemáticamente, pero as circunstancias actuais pola pandemia do coronavirus así o delimitan, e adiantou que cando as garantías sanitarias o permitan farase entrega dos galardóns e distincións, para poñer en valor a excelencia da rehabilitación e da arquitectura galega, o traballo dos profesionais e a sustentabilidade nas construcións, cada vez máis concienciadas con protexer o noso patrimonio e con apostar pola súa recuperación.
Recordou que estes premios recollen catro categorías, as tres citadas anteriormente e o Premio galego de rehabilitación 2020, que se repartirán entre tres obras ganadoras, como a a reconstrución de vivenda afectada pola vaga de lumes en Saa, en Carballeda de Avia, a rehabilitación dunha vivenda particular en Vigo, proxecto do arquitecto Alfonso Penela Fernández, e a intervención nunha bodega e a área enoturística destinada á celebración de evento en Cenlle. (*Axunto a este comunicado, inclúese un listado dos proxectos e iniciativas premiadas e mencionadas).
A conselleira de Medio Ambiente recoñeceu o interese que cada edición espertan estes premios, á que na súa terceira convocatoria (a primeira convocouse en 2016 e celébranse cada dous anos) se presentaron 67 candidaturas que destacan pola súa innovación e funcionalidade, e entre os que se atopan inmobles destinados a usos educativos, que combinan deseño, servizo e a construción e rehabilitación de vivendas unifamiliares en distintos puntos de Galicia, e que destacan polo seu moderno deseño e integración na contorna.
Lembrou que tamén se recolle unha modalidade de mención (sen a dotación económica de 6.000 euros que reciben as categorías premiadas), para aquelas actuacións que destacan por algún aspecto e ás que se lles debe recoñecer un valor especial.
Salientou que a Xunta de Galicia marcouse unha folla de ruta con medidas e ferramentas para ordenar, protexer e conservar o territorio de forma respectuosa co medio ambiente e coa paisaxe, un dos valores que nos define como pobo.
Neste camiño, a arquitectura -e o traballo e implicación dos arquitectos- é un elemento fundamental, pois é unha disciplina de interese público, de dualidade cultural e económica que incide directamente na innovación, a sustentabilidade, o progreso e a cohesión social e que se sustenta fundamentalmente nun complexo tecido de profesionais e medianas e pequenas empresas locais.
Nese sentido, a Xunta vén de impulsar a redacción da primeira Lei de Arquitectura de Galicia para atender unha demanda deste colectivo e, sobre todo, para establecer as directrices a considerar na contratación pública respecto dos servizos ligados á arquitectura; definir as titulacións profesionais competentes, para potenciar a seguridade xurídica e reducir a conflitividade competencial na contratación; procurar unha simplificación da normativa e axilización de trámites; e fomentar o ensino, a divulgación e a sensibilización sobre a arquitectura.