O Concello acaba de solicitar o cofinanciamento da Xunta de Galicia para afrontar os 48.000 euros do proxecto
O Concello de Soutomaior quere comezar coa segunda fase da renovación da área recreativa de Ou Peirao. Tras a ampliación do parque infantil e a instalación do circuíto de educación viaria, o goberno local quere renovar a zona deportiva coa instalación de novos elementos. Os traballos teñen un custo de 48.329 euros para os que o Concello de Soutomaior acaba de solicitar o cofinanciamento da Consellería de Vicepresidencia da Xunta de Galicia.
O novo skatepark contará con varios tipos de planos inclinados e ramplas dispostas a satisfacer as necesidades de varios deportes urbanos como o bmx, o skate, o scooter ou o roller. Os diferentes trazados da pista estarán adaptados a usuarios de todas as idades, modalidades e experiencia. Ademais, incluiranse elementos innovadores de maneira que unha persoa menos experimentada poida mellorar as súas aptitudes segundo vai superando os diferentes niveis de dificultade.
Do mesmo xeito, a renovación da pista de baloncesto contará con tres canastras e unhas medidas de 15×11 metros, as regulamentarias para a modalidade de baloncesto 3×3. Pola súa banda, a nova pista de patinaxe estará indicada para a iniciación desta práctica deportiva coa sinalización no pavimento de diferentes exercicios de patinaxe artística.
O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, xustificou a necesidade de levar a cabo esta renovación para ter preparada a zona deportiva antes da chegada do verán #ante a cantidade de usuarios da área recreativa durante o período estival. “Esta é unha zona que no verán ten moitísima afluencia porque ofrece moitas posibilidades ás familias. Mentres os pais poden gozar da praia os nenos poden xogar de forma segura e practicar os seus deportes favoritos cos seus amigos”, explicou o alcalde.



