A segunda edición do proxecto Di-versos conta coa participación de tódolos centros de educación primaria de Ribeira

Redacción
Lectura mínima de 2

 O Concello executa esta iniciativa que nesta semana estivo traballando no colexio de Palmeira

O Concello de Ribeira executa a segunda edición do proxecto Di-versos. Cancións diversas pola diversidade, o cal conta coa participación de tódolos centros de educación primaria do municipio, con alumnado de 3º ciclo (preferentemente 5º ou 6º curso). Nesta semana estívose traballando co CEIPP de Palmeira.

A dita iniciativa, financiada ao abeiro do Plan Corresponsables, ten como obxectivos marcados a toma de conciencia da diversidade natural, social e cultural dende unha perspectiva de xénero e de dereitos da infancia; promover valores de igualdade, corresponsabilidade e coidados; reflexionar sobre usos do tempo, roles de xénero e masculinidades igualitarias; crear unha canción que aborde a diversidade con enfoque nas temáticas do Plan Corresponsables; e divulgar esta melodía no centro, na comunidade educativa e polas redes sociais como exemplo de boas prácticas en igualdade.

Abórdanse, polo tanto, as temáticas da igualdade de xénero; a corresponsabilidade; as masculinidades igualitarias e usos do tempo.
“Emprégase a música como unha ferramenta pedagóxica para educar á rapazada nos valores da igualdade de xénero e na corresponsabilidade. A educación é a base de todo”, sinala o concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño.

Desenvolvemento da actividade

O proxecto atópase na metade da súa execución, finalizando no 12 de xuño. Realízanse dúas sesións de creación e gravación dunha hora cada unha, en horario lectivo, máis o traballo de edición final do material. Previamente, traballouse na aula a elaboración de ideas ou textos sobre as temáticas antes mencionadas.

Unha vez creadas, gravadas e editadas, as cancións divúlganse polas redes sociais do centro, do Concello e das entidades organizadoras.

Comparte este artigo