HomePontevedraO PP alerta de que se esgota o tempo para a Lei...

O PP alerta de que se esgota o tempo para a Lei de Cambio Climático, que porá en risco a continuidade de moitas empresas da provincia

- Anuncio -spot_img

Alfonso Rueda mantivo esta mañá unha reunión con representantes dos traballadores de Ence.

O presidente do Partido Popular de Pontevedra, Alfonso Rueda, e o deputado nacional do PP e voceiro de Cambio Climático no Congreso, Diego Gago, mantiveron esta mañá unha reunión con representantes dos traballadores de Ence, á que asistiron tamén María Ramallo, alcaldesa de Marín; Pepa Pardo, concelleira do PP de Pontevedra; e Ángel Moldes, voceiro en Poio.

Os populares trasladaron a súa preocupación polas consecuencias “graves” que vai ter para a provincia e para todo o litoral a aprobación da Lei de Cambio Climático, concretamente o artigo 18 e os apartados 3 e 4. Gago explicou que “levamos meses traballando no Congreso, con posicionamentos públicos pero tamén con moitas negociacións co Ministerio fóra de cámaras, moi preocupados pola tramitación desta Lei e polas repercusións xurídicas que vai ter en sectores clave da economía da provincia de Pontevedra e do resto da comunidade autónomo” e adiantou que teñen por diante “semanas decisivas” para o futuro de máis de 5.000 instalacións galegas. “Estamos avanzando no proceso de análise e debate, e esgótase o tempo. Quedan escasas semanas para que esta Lei, tal e como está redactada, teña unhas consecuencias terribles para Galicia”.

Os populares amosáronse pesimistas, “porque os dous partidos de Goberno, PSOE e Podemos, están traballando para conseguir apoios para manter o articulado da Lei tal e como está redactado”, pero comprometéronse a “seguir presionando e trasladando a nosa preocupación ao Goberno central, para intentar facer ver ao Ministerio de Transición Ecolóxica e ao PSOE no Goberno central as consecuencias económicas que terá para industrias clave para a xeración de riqueza, emprego e para o PIB do litoral da nosa provincia”.

Gago recordou que os apartados 3 e 4 do artigo 18, cita dúas leis que nada teñen que ver coa Lei de Cambio Climático, “e recollen unha discrecionalidade na renovación ou non de futuras instalacións situadas no espazo de dominio público marítimo-terrestre”.

CONSECUENCIAS TERRIBLES PARA A COMARCA
Pola súa parte, Pepa Pardo puxo de manifesto que esta lei supón “poñer en risco a unha empresa que constitúe un piar fundamental” ao eixo Marín, Poio e Pontevedra. “Non podemos esquecernos de que máis de 5 mil familias de toda Galicia viven do sector madereiro, e a cidade de Pontevedra quedaría sen a única gran empresa que nos queda a día de hoxe”.

María Ramallo lamentou que “coa situación tan complicada que estamos vivindo e o que queda por chegar, isto é o que faltaba. En dous artigos estamos xogándonos o futuro de moitas empresas e emprego para a provincia. Vai provocar unha inseguridade xurídica que se vai traducir en falta de investimentos”. Recorda que esta lei afecta a Ence, pero tamén a cocedeiros, conserveiras, depuradoras… “As decisións industriais e empresarias réxense por unha claridade e seguridade e por elementos regrados e iguais para todos, e non decisións discrecionais. Hai que gañar un horizonte de seguridade para todos estes anos cos que manter investimentos e o emprego”.

Nesta liña, Ángel Moldes pediu que non ocorra con Ence o mesmo que pasou con Elnosa, e recordou que “moitas familias que tiveron que marchar da comarca e trasladarse a Torrelavega, e non queremos que ocorra o mesmo con todos os traballadores de Ence e do resto de industrias, que tería consecuencias aínda peores. Si queremos fixar poboación no rural, non podemos pechar empresas que dan traballo a milleiros de persoas”. Ademais, sinalou que “si toda esta comarca queda sen o proxecto de futuro de miles de familias, hai dous partidos que se deben facer responsables. Despois non vale pedir que se nacionalicen empresas. Si toda a comarca vai entrar nesta crise tan grave, cada partido deberá asumir as súas responsabilidades. Desde o PP temos unha posición clara e coherente ao respecto”.

Publicacións Relacionadas