— ‘Permanencia do efémero’, comisariado por Miquel Martí Freixas e en colaboración co festival Punto de Vista, reúne cinco sesións arredor de pezas que abordan a volatilidade das contornas dixitais
— A colaboradora habitual de Chantal Akerman participará o 22 de maio nun encontro no que presentará a proxección de ‘D’est’
— A carteleira inclúe novas restauracións de Víctor Ruppen, o peche da retrospectiva dedicada a Fassbinder e a continuación do cinema sobre poscolonialismo a través de ‘Territorios mutantes’
A Filmoteca de Galicia programa en maio unha carteleira na que destacan tres eixos: o ciclo Permanencia do efémero, dedicado ás imaxes de internet e ás súas múltiples formas de circulación, a presenza da montadora belga Claire Atherton, e a sesión de Materiais para unha historia do cine en Galicia na que se presentarán novas restauracións dixitais de cinco curtas producidas por Víctor Ruppen entre 1975 e 1977.
O calendario complétase coa terceira entrega de títulos de Rainer Werner Fassbinder, pola que a sala José Sellier acollerá as últimas proxeccións da retrospectiva que a cinemateca da Xunta lle vén dedicando ao realizador alemán desde marzo, e coa recta final de Territorios mutantes, programa sobre cine e poscolonialismo que incorpora desta volta en versións restauradas dúas fitas clave arredor deste debate desde o audiovisual.
Ademais, como é habitual, a programación do mes inclúe novas sesións de Fóra de serie, Off Galicia e Filmoteca Júnior, con varios pases con presentación e entrada de balde.
Contidos nacidos para desaparecer
O ciclo central do mes é Permanencia do efémero, composto por cinco sesións comisariadas polo especialista en cine documental e contemporáneo Miquel Martí Freixas, organizado en colaboración co Festival Internacional de Cine Documental Punto de Vista de Pamplona, co que a Filmoteca mantén unha liña de traballo continuada nos últimos anos.
A proposta reúne pezas de cineastas que traballan con imaxes procedentes de internet e contidos nacidos para desaparecer, nun percorrido articulado en cinco citas: Programa 1: Homo e-sapiens (día 5); Programa 2: A infinita festa final (día 7); Programa 3: Colectivo Neo-zoon: navegar, observar, remontar (día 12); Programa 4: (Im)perfectas ópticas da representación (día 19) e Programa 5: Coleccións do alleo (día 23).
Claire Atherton e homenaxe a Victor Ruppen
A cinemateca da Xunta recibirá a visita da montadora belga Claire Atherton, colaboradora habitual de Chantal Akerman, no marco do programa Compartir o cinema. 20 anos de Cinema en curso. A súa participación terá lugar o 22 de maio ás 19,00 h., cun encontro co público moderado por Núria Aidelman, seguido da proxección de D’est, unha das primeiras colaboracións entre Atherton e Akerman.
Pola súa banda, a sección Materiais para unha historia do cine en Galicia programa o 26 de maio ás 20,30 h. unha sesión especial con cinco curtametraxes producidas por Víctor Ruppen entre 1975 e 1977 en novas restauracións dixitais, realizadas pola Filmoteca de Galicia e Filmoteca Española. O programa, para o que se contará coa presenza de persoas vencelladas aos equipos e á contorna do produtor coruñés, reúne Fendetestas, Illa, O herdeiro, O cadaleito e O pai de Migueliño, títulos que representaron un dos intentos máis sistemáticos de realizar cinema en galego en formatos profesionais na década dos 70.
O ciclo dedicado a R.W. Fassbinder encara en maio o seu tramo final cunha selección que inclúe La ley del más fuerte (día 5), Viaje a la felicidad de mamá Kusters (día 6 e 7), El asado de Satán (días 8 e 12), La ruleta china (día 14 e 15) e El matrimonio de Maria Braun (días 19 e 20), en tanto que Territorios mutantes completa o seu achegamento ao poscolonialismo tratado desde o cinema con dúas proxeccións en novas restauracións: West Indies, do mauritano Med Hondo (día 6) e Crónica de los años de fuego (día 13), rodada en 1975 polo alxeriano Mohammed Lakhdar-Hamina, única Palma de Ouro africana na historia do festival de Cannes.
Off Galicia con Alberto Vázquez
Fóra de serie inclúe en maio unha presenza destacada de Radu Jude coa súa última película, Kontinental ’25 (días 20 e 21), Un polvo desafortunado o porno loco (día 26) e No esperes demasiado del fin del mundo (día 27). Este apartado incorpora tamén Pendaripen, la historia silenciada del pueblo gitano (día 21), en colaboración coa Fundación Secretariado Gitano, ademais de Viento del este (día 28), presentada polo realizador Maia Gattás Vargas, Café y cigarrillos, de Jim Jarmusch (días 28 e 29) e a estrea de ¿Qué te dice esa naturaleza?, de Hong Sang-soo (días 29 e 30).
Dentro de Off Galicia haberá tres sesións con presenza dos equipos: Un mar de mulleres (día 8), presentada pola súa directora, Sabela Brand; o filme de animación Decorado (día 14), presentado polo seu creador, o ilustrador coruñés Alberto Vázquez, e o documental Reflexos do amor escuro (día 15) dirixido conxuntamente por J.A. Jiménez, F. Naveira, G. Rolán. Para público familiar, Filmoteca Júnior proxectará El Havre (día 9).

