O Xeodestino Terras de Santiago pon en marcha unhas xornadas de dinamización turística para profesionais do territorio

Redacción
Lectura mínima de 7

O ciclo arrincou en Ames cun encontro sobre gastronomía de proximidade e terá continuidade o 13 de maio en Teo sobre turismo de natureza e o 27 de maio en Vedra sobre enoturismo

O Xeodestino Terras de Santiago vén de iniciar en Ames un ciclo de xornadas de dinamización turística ao abeiro do Plan de Sostibilidade Turística en Destino (PSTD) Terras de Santiago, incluída dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – NextGenerationEU.

“Tres encontros presenciais dirixidos a profesionais do sector turístico, hostaleiro e produtor do xeodestino que teñen como obxectivo compartir coñecementos, xerar conexións e impulsar novas oportunidades no territorio”, explica Guarina Rey, presidenta do Xeodestino Terras de Santiago, quen destaca que “a través destes tres encontros temáticos abordaremos cuestións claves como a gastronomía de proximidade, o turismo de natureza e o enoturismo, combinando conferencias, mesas redondas e espazos de networking”.

Gastronomía de proximidade

A primeira xornada tivo lugar o pasado 30 de abril no Pazo da Peregrina (Ames) e estivo centrada na gastronomía e no produto local. “Despois do primeiro encontro que tivemos o ano pasado con produtores locais, agora o obxectivo era reforzar a conexión entre ese sector primario e o sector servizos na busca de impulsar modelos de negocio vencellados á proximidade, á autenticidade e á sustentabilidade”, sinala Rey Vázquez.

No encontro tomaron parte unha trintena de representantes de pequenas empresas emprazadas nalgún dos 11 municipios que integran o xeodestino: Ames, A Baña, Boqueixón, Brión, Negreira, Padrón, Rois, Santa Comba, Teo, Val do Dubra e Vedra. Abriu a sesión Lucía González, vicepresidenta da Asociación Galega de Márketing (Markea) e consultora de marketing en Iuni, quen recolleu unha serie de casos de éxito de marketing local e de quilómetro cero a nivel de Galicia.

Lucía González fixo fincapé na necesidade de “ter clara a proposta de valor” de cada empresa que “non é so o produto, é todo o que fai que o voso cliente vos escolla sobre a vosa competencia”. Ademais, advertiulles que “non todo é prezo” e que “o consumidor cambia, e a proposta de valor ten que adaptarse a ese mercado. Non é chegar e encher, hai que persistir”, lembrándolles que “vós sodes os mellores influencers do voso negocio”.

Esta conferencia deu paso á mesa redonda “Da horta á mesa profesional: alianza entre produtores e hostaleiros”, moderada por David Iglesias, director de Campo Galego. Nela tomaron parte Martín Touceda, de CienporCel; Óscar Pérez Ramil, secretario-xerente da D.O. Arzúa-Ulloa; Kike Piñeiro, copropietario de A Horta do Obradoiro; e Gonzalo García, de Olea Atlántica.

Gonzalo García puxo en valor as fortalezas de Olea Atlántica: “produción limitada, alta calidade, variedades autóctonas e unha recollida temperá para que o aceite teña maior calidade. Colleitamos en outubro e de 10 quilos de aceitunas sacamos un litro de aceite, pero a calidade é indiscutible”. Un aceite que venden a tendas gourmet e restaurantes que apostan polo valor engadido e polos produtos de quilómetro cero.

Unha proposta que gustou, e moito, a Kike Piñeiro, que amosou o seu interese por mercar este aceite para A Horta do Obradoiro. Un proxecto que dá traballo a once familias en Compostela e que “intenta apoiarse nos produtores pequenos da contorna, así como na Lonxa de Ribeira”. Pola súa banda, Óscar Pérez fixo fincapé na importancia da DO Arzúa Ulloa “á hora de manter poboación no rural”, sendo o queixo con Denominación de Orixe Protexida de maior produción en Galicia.

Finalmene, Martín Touceda explicou aos presentes como en dez anos pasou do mundo da construción á cría e venda de Porco Celta, cunha pandemia que o afectou xusto cando estaba a piques de sacar a súa primeira liña de embutidos ao mercado. En setembro de 2025 deu un importante paso adiante, “abrindo un posto na Praza de Abastos de Santiago para satisfacer as necesidades dos nosos clientes”, xa que ata aquel momento manexábase máis co porta a porta.

Próximas xornadas

A segunda xornada de dinamización turística do Xeodestino Terras de Santiago terá lugar no Hotel Congreso de Teo o próximo mércores 13 de maio e xirará en torno ao turismo de natureza e deportivo. Ás 10:00 horas terá lugar un relatorio sobre usos turísticos en infraestruturas e espazos verdes, impartido por Marta Rodríguez, fundadora de Marela Projects, consultoría en turismo sostible. Ás 10:50 horas terá lugar unha mesa redonda titulada “Xestión do uso público en espazos naturais protexidos: equilibrio entre conservación e aproveitamento turístico”, moderada por Emilio Cuíñas, especialista en xestión de destinos e marketing turístico. Está prevista a participación de José Luís Fernández Vázquez, administrador de Amextreme Aventura SL; Marta Rodríguez, fundadora de Marela Projects; Enrique Rodríguez Ferrin, de Aventuras en Galicia (Grupo Viajes Tambre SL) e Serafín Martínez, de Noko 360.

Finalmente, o Pazo de Vista Alegre de Vedra acollerá a terceira xornada de dinamización turística do Xeodestino Terras de Santiago, dedicada ao enoturismo e á paisaxe do Val do Ulla no marco da DO Rías Baixas, subzona Ribeira do Ulla. Ás 10:00 horas, Jorge Vila, director da Galicia Wine Academy, falará do viñedo como experiencia, dando as claves para atraer ao novo viaxeiro do viño. Ás 10:50 abrirase unha mesa redonda titulada “Retos da DO Rías Baixas en Terras de Compostela: sustentabilidade, relevo xeracional e creación de produto conxunto”. Contará coa participación da sumiller Mercedes González; Mayka Luna, de Pazo Vista Alegre; Manyo Moreira, enólogo de Mar de Envero e Iván García, técnico de Cultura do Concello de Vedra, que serán moderados por David Iglesias, director de Campo Galego.

Comparte este artigo