Kerbaol gaña en A Coruña e Koch mantén o liderado da carreira
A cidade da Coruña viviu esta tarde a chegada da terceira etapa de La Vuelta Ciclista Femenina 2026, unha xornada que partiu de Padrón e que percorreu un total de 121 quilómetros ata a meta situada na avenida da Habana.
A ciclista francesa Cédrine Kerbaol (EF Education-Oatly) foi a gañadora da etapa tras impoñerse cun ataque no último quilómetro, mentres que a alemá Franziska Koch (FDJ United-SUEZ) mantivo o liderado da clasificación xeral ao chegar no grupo principal.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, participou no acto de entrega de premios nunha xornada que foi retransmitida en directo por RTVE e que situou á cidade no foco do ciclismo internacional.
A etapa desenvolveuse con normalidade ao longo de todo o seu percorrido, cunha entrada á cidade pola contorna de Meicende e Bens, continuando polo paseo marítimo e zonas como San Roque de Fóra, Paseo de Ronda e avenida de Bos Aires, antes da chegada á meta na avenida da Habana, onde se concentrou numeroso público para seguir o final da proba.
Pola súa banda, Manuel Vázquez puxo en valor a resposta da cidadanía durante a xornada e indicou que “a Coruña volveu demostrar que está preparada para acoller grandes eventos deportivos e que existe unha importante afección ao ciclismo e ao deporte feminino”.
A presenza da carreira na cidade reforza a aposta municipal polo deporte feminino e pola igualdade, unha liña de traballo impulsada nos últimos anos polo Goberno de Inés Rey, ao tempo que consolida á Coruña como escenario de grandes eventos deportivos de ámbito estatal e internacional.

