A Corporación Municipal terá que pronunciarse sobre a necesaria expropiación de terreos de propietario descoñecido para permitir o investimento de 70.000 euros nesta obra de interse social comprometida polo alcalde aos veciños
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, vén de conseguir o informe positivo do Servizo de Avaliación Ambiental de Plans e Programas da Xunta de Galicia para o Plan Especial de dotacións para a implantación dunha praza en San Xurxo de Sacos onde o Concello pretende humanizar este entorno de lecer para a veciñanza cun investimento duns 70.000 euros. Cubela manifestou a súa satisfación por esta resolución da Xunta porque vai permitir seguir co procedemento iniciado o pasado ano para a creación dunha praza xunto á igrexa de San Xurxo de Sacos que contempla a expropiación de terreos de propietario descoñecido o que está a provocar que os trámites administrativos se estean prolongando no tempo. Entre as consideracións técnicas que recolle o informe están a necesidade de facer constar unha relación de elementos protexidos como “A Casa de Espinosa en Outeiro”, a obrigación de identificar os hórreos existentes e o seu tratamento como ben protexidos así como das distintas construcións tradicionais para a súa catalogación e salvagarda. Tamén recomenda, e asume como propio no seu plantexamento orixinario, “prestar especial atención ao mantemento dos valores culturais da igrexa e do adro. Ademais, pola afectación ao contorno de protección de varios elementos, estarase ao dispor dos criterios de intervención contidos na LPCG. Tamén se debe de ter en conta os elementos de interese susceptibles de catalogación lindeiros ao ámbito como contexto no que integrarse e cos que dialogar dun xeito harmónico. Estudar a oportunidade de aproveitar a ruína como elemento configurador do novo espazo, procurando manter a estrutura herdada, o patrón de ocupación, etc. Manter as características físicas e a vexetación dos rueiros que rodean o ámbito, que forman parte da súa beleza e tamén do seu interese patrimonial, amosando a ligazón do asentamento co medio. Recoller con rigor o estado actual da ruína e achegar a proposta de desenvolvemento do PED cun detalle suficiente para valorar a relación cos bens protexidos e coa estrutura tradicional na que se insire para poder valorar a integración”. CONSERVACIÓN DO ARBORADO AUTÓCTONO E RECUPERACIÓN DE MUROS EXISTENTES Tamén recolle outras consideracións do Instituto de Estudos do Territorio como que “o plan especial non provocará un impacto paisaxístico significativo, toda vez que para a execución da praza se conservará o arborado autóctono e se recuperarán os muros existentes que constitúen a ruína”. Sostén que os criterios de integración paisaxística incorporados resultan adecuados. Pola súa banda, o alcalde reiterou o seu compromiso e o do seu equipo de goberno cos veciños e veciñas de San Xurxo para crear esta praza e humanizar o entorno da igrexa, lugar que precisa dunha intervención e que actúa a modo de espazo centralizador da actividade social e de convivencia veciñal na parroquia. “Unha vez que conseguimos o informe favorable de Avaliación Ambiental, temos que aprobar inicialmente o proxecto no Pleno Municipal e logo sometelo a exposición pública por espazo de dous meses ademais de recabar tódolos informes favorables dos distintos organismos sectoriais da Xunta, entre eles Patrimonio. Unha vez teñamos todo esto temos que aprobalo definitivamente, despois levar a cabo a expropiación dos terreos e, finalmente, licitar a obra”, explicou este complicado e garantista procedemento administrativo para poder facer realidade este compromiso de Cubela ante a demanda da veciñanza. O alcalde fixo un chamamento á tranquilidade e reclamou a confianza da veciñanza ante este “latoso e farragoso procedemento que hai que facer con laboriosidade, pero coa finalidade de ser o máis garantistas posibles e cumprir coa normativa vixente para evitar problemas no futuro. O compromiso é firme e os pasos estanse dando como os hai que dar para que se poida conseguir. Agora, claro, os tempos son os que son e os informes que hai que facer e os trámites a realizar ante os distintos organismos sectoriais da Xunta teñen os seus ritmos, pero que os veciños e veciñas de San Xurxo estén tranquilos porque a miña palabra está dada e eu non lles vou fallar”, asegurou Jorge Cubela.