O alcalde destacou que esta actuación permitirá incorporar herba artificial de última xeración a estas instalacións deportivas municipais
O alcalde Ricardo Martínez, supervisou esta mañá o inicio da retirada do céspede artificial vello no campo de fútbol de Portas que dá inicio á renovación da herba sintética deste terreo de xogo, un compromiso adquirido cos veciños e os directivos do equipo local e que agora se acomete cun investimento total de 156.620,15 euros.
A obra, que conta co financiamento do Plan Concellos da Deputación, saiu a licitación cun orzamento de partida de 170.146,82 euros e que foi adxudicada cun aforro de 13.526,67 euros á empresa Obras y Pavimentos Especiales, S.A. ao resultar a oferta que obtivo a mellor puntuación por ser a máis vantaxosa.
Deste modo, o campo de fútbol de Portas disporá dun novo céspede artificial de última xeración nun par de meses e medio despois de que o Concello adxudicara estas obras de substitución da superficie deportiva seleccionando a oferta da empresa Obras y Pavimentos Especiales, S.A. como a mellor de entre as presentadas.
O Goberno local cumpre así co compromiso de renovar estas instalacións deportivas que tiñan xa completamente esgotada a súa vida útil despois de tanto tempo de intensa actividade.
Os técnicos estiman que o novo céspede do campo de fútbol, que conta co selo de calidade FIFA e da Federación Internacional de Hockey, terá unha maior duración ao estar fabricado cos criterios da terceira xeración de céspede artificial, baseada na utilización de fibras de monofilamento de polietileno, sección diamante, resistente ao raios U.V. e cun espesor de 410 micras.
A base primaria botarase doble con 100% de PP Thioba, cor negra, estabilizado á acción de raios U.V. e de peso aproximado de 252 gramos por metro cadrado. Pola súa banda, a base secundaria levará un composto de látex con base de estireno-butadieno (SBR) con orificios de drenaxe. Este novo material implica moita menos abrasión que o polipropileno que se utilizaba ata o de agora.
As obras consistirán no tratamento previo do terreo e a colocación dos 6.968 metros cadrados (104×67 metros) da nova alfombra, previa aplicación de area de sílice e, finalmente, a repartición de caucho no céspede.
Segundo manifestou Ricardo Martínez “co inicio desta obra dase cumprimento a un dos compromisos que asumimos cos veciños e veciñas deste concello e tamén coa directiva do equipo de fútbol que viñan demandando unha actuación neste sentido debido ao grado de deterioro que presentaba o céspede polo esgotamento do seu ciclo vital pola intensa práctica deportiva que tivo que soportar ao longo destes anos. A nosa palabra dada cúmprese ao igual que se irán cumprindo outros compromisos adquiridos a medida de que a disposición económica e capacidade de xestión do equipo de goberno nos permita ir afrontándoos. Non nos esquecemos e témolos ben presentes. Unha proba do nosa vontade de atender tódalas demandas é o inicio das obras de substitución de céspece artificial que agora se acomete no campo de fútbol da Rapeira”.