Carmela González asegura que a Xunta debería arranxar as ventás mañá mesmo para evitar que, un inverno máis, entre frío e choiva no centro
A deputada do BNG por Vigo, Carmela González, preguntoulle á conselleira de Política Social, Fabiola García, polas actuacións da Xunta diante das pésimas condicións do Centro de día Atalaia de Teis, despois de recordarlle que as traballadoras levan máis de 15 anos trasladando esta situación á Xunta e reclamando a substitución das fiestras antes do vindeiro inverno.
Ante a resposta da conselleira de que non poden facer obras ‘de gran calado’ nas instalacións porque son propiedade do Concello de Vigo, a deputada nacionalista replicoulle que “non é certo que teña que facelo o Concello” porque, recordoulle, “existe un convenio de cesión polo que a Xunta fai actuacións no Concello e, ano a ano, equilíbranse as contas”.
Lembroulle ademais que o Goberno galego xa actuou nesas fiestras, cambiando unha parte das mesas. “Non é certo que a teña que facer o Concello”, incidiu. “Se a vostede lle preocupa realmente a situación, pode facelo mañá mesmo, e dicir que non, é mentir”, engadiu.
Durante a súa exposición, Carmela González preguntoulle García se “permitiría vostede que a súa nai ou a súa avoa vivisen nunha casa na que as fiestras meten auga e frío?”, e engadiu que lle resulta “incomprensible” que o goberno galego permita que unha instalación pública non cumpra coas mínimas condicións de habitabilidade para os e as nosas maiores.
Sinalou que as ventás do centro teñen máis de corenta anos e filtran auga e frío durante todo o inverno, recordando ademais a dureza deste último, con fortes temporais de choiva e vento, o que complicou gravemente a actividade diaria do centro, obrigando a deixar de utilizar algunhas estancias por razóns de seguridade e benestar das persoas usuarias.
Engadiu que varias inspeccións técnicas recoñeceron o deterioro das ventás, pero que a día de hoxe seguen sen ser substituídas e sen que haxa previsión de que se vaian cambiar. Sinalou ó BNG non acepta a solución proposta pola Consellería —a instalación de burletes que impedirían a apertura das fiestras— por ser “ridícula” e “insultante” ante a gravidade do problema. “E vostede sábeo”, engadiu dirixíndose á conselleira.
A deputada nacionalista subliñou que o Centro Atalaia atende 25 persoas maiores que pasan nel unha boa parte do día, razón pola que as condicións do edificio deben garantir o seu benestar e seguridade, advertiu. Sinalou ademais que as filtracións de auga non só supoñen un risco para a saúde e a seguridade das persoas usuarias, tamén disparan o consumo da calefacción, o que supón un custo innecesario para as arcas públicas.
A deputada rematou a súa intervención dicindo que a situación do Centro Atalaia é a mostra física do “abandono” co que castiga o PP a Vigo.

