O BNG elixe a Xabier P. Igrexas como candidato á Alcaldía de Vigo co obxectivo de dar “un grande salto adiante” en 2027

Redacción

A militancia da fronte nacionalista acordou por unanimidade a continuidade do actual portavoz municipal como cabeza de lista ás eleccións locais do vindeiro ano

A fronte nacionalista fíxase como obxectivo converter a crecente simpatía e apoio social cara ao BNG en votos que permitan multiplicar a súa representación no Concello

Xabier P. Igrexas: “Fronte a quen pretende sementar a impotencia tentando convencernos que nada pode mudar, afirmamos o noso compromiso revolucionario de facermos posíbel o cambio que é necesario”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigocelebrou na tarde-noite deste mércores unha asemblea local na que a militancia acordou, por unanimidade, elixir a Xabier P. Igrexas como candidato á Alcaldía de cara as eleccións municipais de 2027. A fronte nacionalista fíxase como obxectivo “dar un grande salto adiante” na cidade que permita multiplicar a súa representación no Concello para lograr ser unha forza “decisiva e determinante” na primeira cidade de Galiza.

Coa asemblea conclúe un proceso que a responsábel local do BNG, a deputada Carmela González, reivindicou como un exemplo de “democracia radical” no que o conxunto da militancia tivo a posibilidade de formular propostas. “No Bloque as decisións son colectivas e o protagonismo é sempre da militancia”, subliñou.

A proposta de Igrexas contaba co aval tamén unánime do Consello Local do Bloque o que para González demostra “o enorme grao de cohesión e unidade interna dun BNG, plural e diverso pero fortemente unido arredor dun proxecto ilusionante”. “Xabier P. Igrexas conta co apoio firme e cheo de entusiasmo dun BNG que somos máis Bloque do que nunca”, resumiu.

Igrexas agradeceu a confianza e o apoio da organización e afirmou que as eleccións municipais do vindeiro ano son para o BNG “unha enorme oportunidade para facer avanzar o proxecto de transformación en positivo que representa o nacionalismo galego na maior cidade do noso País”. “Fronte a quen pretende sementar a impotencia tentando convencernos que nada pode mudar, afirmamos o noso compromiso revolucionario de facermos posíbel o cambio que é necesario”, proclamou.

Máis de 956 iniciativas dende 2023

O candidato nacionalista subliñou o traballo realizado nos últimos anos como “excelente punto de partida”. “Non empezamos de cero. Contamos cunha ampla bagaxe de esforzo e de traballo. De moita rúa pateada, barrio a barrio, parroquia a parroquia, como demostran as máis de 956 iniciativas, propostas e posicionamentos que o BNG despregamos desde as eleccións de 2023 nas que conseguimos recuperar o grupo municipal e triplicar a nosa representación”, sinalou.

Un traballo que, para Igrexas, permitiu que “neste mandato o BNG conseguiu liderar na práctica a oposición e demostrar, con propostas, que si hai alternativa ao actual desgoberno e ao modelo de cidade parque temático que non atende as necesidades reais das viguesas e dos vigueses”.

Ademais, puxo en valor o continuado ascenso do BNG na cidade, cun aumento “tan continuado como imparábelno apoio social á nosa alternativa política”, como verifican os magníficos resultados obtidos nas últimas eleccións xerais, cun aumento do 45% dos votos ao BNG en Vigo, nas eleccións europeas co mellor resultado en dúas décadas e no fito histórico de lograr que o BNG fose a primeira forza política en Vigo nas últimas eleccións galegas derrotando o Partido Popular.

O BNG, a forza á alza en Vigo

“Somos á forza á alza en Vigo e imos estar á altura das millares de viguesas e vigueses que ollan con confianza nova e esperanza ao BNG, traducindo esa onda imparábel de apoio e simpatía en votos que permitan abrir un tempo novo na cidade”, defendeu o candidato. “Enfrontamosas próximas eleccións municipais con toda a ambición, sen límites nin teitos, con confianza no noso proxecto de cidade e sobre todo coa certeza de que imos lograr incorporar nel a moitos millares de viguesas e vigueses”.

Con ese obxectivo, Igrexas proclamou que “desde o BNG tendemos a man a todas persoas que non se resignan, que saben que Vigo merece moito máis”. “Fronte a un Abel Caballero esgotado na inercia do “máis do mesmo” e un Partido Popular que nada lle pode ofrecer á cidade é momento de construírmos un novo Vigo, entre todas e para todos, co proxecto transformador e en positivo do BNG”, enfatizou.

A presentación pública do candidato á Alcaldía realizarase o vindeiro luns, 11 de maio, nun almorzo informativo na cidade no que estará acompañado da Portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e no que Igrexas presentará as ideas-forza da proposta do BNG de cara as vindeiras eleccións municipais.

Comparte este artigo