Caldas de Reis avanza na mellora da iluminación eficiente cun novo proxecto para a contorna da Igrexa de San Tomé

Redacción

O novo proxecto contempla a renovación de luminarias de última xeración nun dos espazos máis emblemáticos do casco urbano da vila

Esta actuación súmase a outras xa realizadas na mesma liña nas rúas Laureano Salgado e A Oliva, ademais de na ponte do río Bermaña ou no reloxo do Campanario

O Concello de Caldas de Reis aposta por dotar á contorna da Igrexa de San Tomé e da Praza das Palmeiras dun sistema de iluminación renovado e sustentable, cun maior aforro enerxético. O Goberno local vén de remitir á Deputación de Pontevedra o proxecto para a instalación de novas luminarias neste emblemático espazo do casco urbano da vila termal. Trátase dunha actuación que conta cun orzamento próximo aos 50.000 euros e que se pretende cubrir a cargo do programa +Provincia.


Tal e como consta na memoria técnica, a intención é habilitar catro báculos en diferentes puntos, nos que se colocarán proxectores, substituíndo a ilumiación fluorescente actual. O espazo pasará a contar cunha luz indirecta, mediante tiras led de cor branca cálida. Tamén se prevé a renovación do cableado e do cadro eléctrico. Cómpre lembrar que actualmente a zona conta con tres tipos de luminarias: soterradas polo perímetro da igrexa, sobre o bordillo e baixo os bancos da zona axardinada. Tanto os puntos de luz como o cadro de instalación atópanse actualmente moi deteriorados, polo que se precisa dunha renovación, que non só servirá para embelecer o lugar durante a noite, senón tamén para garantir un consumo enerxético moito máis eficiente.

Tal e como consta no proxecto, dúas das columnas ficarán orientadas cara a fachada principal da Igrexa de San Tomé, mentres que as outras días quedarán na zona dos xardíns. Todas elas incorporarán proxectores de primeira calidade. A maiores, haberá iluminación led indirecta baixo os bancos de pedra. O prazo de execución estimado para completar esta renovación é de dous meses. Segundo explica o alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, “a día de hoxe hai unha falta de luz evidente neste espazo, polo que imos renovala para garantir un maior confort e máis seguridade, ademais de conseguir un aforro enerxético moi importante”. Esta actuación vai en consonancia con outras melloras que se están a facer na misma liña no casco urbano.

Durante o pasado mes de abril procedeuse á instalación de novas luminarias eficientes nas rúas Laureano Salgado e A Oliva. Ademais, tamén se instalou nova iluminación no reloxo do Campanario, logo da súa reparación acometida en 2025. Todo isto sen esquecer a iluminación ornamental que xa está tamén operativa na ponte sobre o río Bermaña. “Son actuacións que buscan mellorar a eficiencia enerxética, pero tamén a estética da nosa vila”, explica Jacobo Pérez.

Comparte este artigo