Reclama que o alcalde dea explicacións públicas diante do “silencio” do Goberno local e reitera a petición de cese inmediato da concelleira de Seguridade tras a súa imputación
Demanda unha Comisión Especial de Investigación para depurar responsabilidades
Xabier P. Igrexas: “Cando un goberno cala diante dunha morte que podía evitarse, deixa de protexer á cidadanía para empezar a protexerse a si mesmo”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) esixe a comparecencia urxente no Pleno do alcalde de Vigo, Abel Caballero, após a imputación da concelleira de Seguridade no xuízo polo accidente do Saltamontes. A fronte nacionalista vén de rexistrar un escrito para reclamar que o rexedor, como máximo responsábel municipal, dea explicacións públicas diante da “gravidade” dos indicios sinalados no auto xudicial.
O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, considera que existe “unha responsabilidade política directa” de Abel Caballero, acusando o alcalde de “escoller o silencio” dende que se produciu o tráxico accidente nas festas de Matamá. “O Goberno municipal só intentou confundir á opinión pública e desviar culpas cara á Comisión de Festas ou mesmo cara á Policía Local”, reprocha.
Para Igrexas o auto xudicial “desmonta ese relato” e apunta directamente á xestión do Goberno local por incumprir as súas obrigas de inspección, control e seguridade coa atracción, e que derivou este pasado xoves na imputación xudicial por homicidio imprudente da concelleira responsábel de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño. “Cando un goberno cala diante dunha morte que podía evitarse, deixa de protexer á cidadanía para empezar a protexerse a si mesmo”, afirmou
Dende o Bloque reclaman por estes motivos que o alcalde de Vigo compareza para explicar as actuacións realizadas antes e despois do accidente, os mecanismos de control e inspección aplicados ás atraccións de feira, as razóns polas que non se procedeu ao precinto do Saltamontes malia estar desautorizado, as medidas adoptadas polo Goberno local para evitar que se repitan feitos similares e os motivos polos que mantén no cargo á concelleira imputada.
Cese inmediato da concelleira de Seguridade
“Desde o BNG dicímolo con toda claridade: a señora Rodríguez Calviño non pode continuar nin un minuto máis no Goberno local”, subliña o portavoz municipal, que ve unha “esixencia democrática elemental” o cese da edil de Seguridade pola gravidade dos feitos que se lles imputan na causa xudicial.
Igrexas asegura que o BNG non vai permitir que este caso “quede tapado baixo toneladas de propaganda e silencio oficial” e defende que “Vigo merece saber toda a verdade” sobre o acontecido nas festas de Matamá. “É intolerábel e insultante o silencio do Goberno de Caballero despois da imputación dunha concelleira”, engade.
Comisión Especial de Investigación
Aliás, a fronte nacionalista reitera a necesidade de crear unha Comisión Especial de Investigación no Concello de Vigo. Nela, demanda que se habilite o acceso completo aos grupos da oposición de toda a documentación administrativa do caso, a comparecencia das persoas responsábeis políticas e técnicas implicadas, e a elaboración de conclusións e recomendacións que permitan reforzar os protocolos municipais de seguridade e inspección “para que unha traxedia así non volva repetirse nunca máis”.

