O candidato á Alcaldía defende unha cidade máis habitable, máis xusta e capaz de asumir o seu papel como motor de Galiza
A portavoz nacional destaca as alternativas en positivo do Bloque para construír unha cidade máis inclusiva e que poña as persoas no centro
A portavoz nacional, Ana Pontón, defendeu que “Vigo precisa un proxecto de futuro que lle permita recuperar o pulso no económico, no social e no cultural” e ese proxecto de futuro “é o que representa o BNG, con Xabier Pérez Igrexas á cabeza”.
Así o reivindicou na presentación en Vigo de Pérez Igrexas como candidato do Bloque á Alcaldía, un candidato que “encabeza un proxecto ilusionante” co que poder construír “unha cidade máis aberta, inclusiva, participativa e innovadora” e que, sobre todo, “poña aos vigueses e ás viguesas no centro”.
Deste xeito, Pontón puxo en valor o proxecto “en positivo” do BNG para Vigo, un proxecto que parte da confianza en todo o potencial e toda a capacidade da que é a primeira cidade do País, fronte ás “confrontacións inútiles” e “ás loitas de egos” que, remarcou, non conducen a ningún sitio e que provocan a perda de oportunidades.
No actual contexto de incerteza a nivel global, cun escenario marcado pola “guerra imperialista en Oriente Medio” que implica unha escalada de prezos que afecta a sectores estratéxicos e á vida diaria das persoas, a líder nacionalista considerou necesario que Vigo recupere o seu papel na vangarda industrial e empresarial, mais tamén que sexa unha cidade na que se viva mellor.
Neste sentido, destacou as propostas do BNG para mellorar a vida dos vigueses e das viguesas e atender aquelas cuestións que lle preocupan á cidadanía, entre as que citou a aposta por un urbanismo con máis zonas verdes e onde a xente gañe espazo aos coches ou o acceso á vivenda.
“Aínda que sabemos que as competencias en materia de vivenda son da Xunta, é certo que desde o Concello se pode traballar para que haxa políticas que faciliten o acceso á vivenda nunha cidade na que sabemos que este é un problema cada vez maior, que está quitando o sono a miles de vigueses e de viguesas”, advertiu.
Pontón tamén apostou por “un Vigo que lidere desde a cooperación”, para o que considerou preciso impulsar a área metropolitana e facer da cidade capital da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal. “Mirar cara a Porto vai ser un labor importante ante o desleixo que neste momento vemos por parte de todas as Administracións que, por exemplo, nin tan sequera están garantindo a conexión ferroviaria por alta velocidade con Porto”, remarcou.
A líder nacionalista remarcou que o avance de Vigo “é clave para o futuro de Galiza”, para o que avogou por “cambiar a confrontación pola negociación, o ruído polo diálogo e a discriminación do goberno do PP pola colaboración construtiva a favor dos vigueses e das viguesas”. “Hai que romper con ese círculo vicioso que fai que Vigo quede atrás en lugar de avanzar”, sintetizou.
Por iso, destacou o traballo desenvolvido nos últimos anos polo BNG con Pérez Igrexas á cabeza, ao non limitarse a fiscalizar o labor do goberno local, senón poñendo sobre a mesa propostas solventes na defensa da cidade e alternativas aos problemas reais dos seus veciños e veciñas.
Alternativas, enumerou, en defensa dos servizos públicos, do futuro industrial, da mellora da calidade urbana e do acceso á vivenda ou tamén en materia de cohesión e calidade de vida nos barrios e parroquias. “Un Vigo mellor na defensa dunha cidade máis verde que enfronte o cambio climático ou que apoie máis a cultura e o deporte, cun urbanismo ao servizo dos intereses xerais e non da especulación”, resumiu.
“Ao longo destes anos o BNG converteuse na verdadeira alternativa e imos a darlle a esta cidade o impulso que necesita e, para logralo, é imprescindible que o Bloque dea un gran salto adiante nas vindeiras eleccións municipais co noso candidato, Xabier Pérez Igrexas”, afirmou.
Pontón mostrou o seu convencemento do avance nacionalista na cidade con Pérez Igrexas á cabeza. “Temos un gran proxecto e temos un gran candidato”, alegou, para destacar a continuación o “compromiso, capacidade e coñecemento da cidade” dun cabeza de lista en contacto permanente cos vigueses e viguesas, “sempre a pé de rúa”, e que “ten a Vigo na cabeza e no corazón”.
“Desde aí imos a traballar neste ano no que temos un traballo moi importante para dar a coñecer á cidadanía o noso proxecto para lograr un Vigo en grande, que é o que defendemos desde o BNG”, concluíu.
Pola súa parte, e fronte a un Abel Caballero “esgotado” na inercia do “máis do mesmo” e a un PP que “nada lle pode ofrecer á cidade”, Xabier Pérez Igrexas apostou por construír “un novo Vigo” entre todas e todos co “proxecto transformador e en positivo do BNG”.
“O primeiro que temos que facer é alimentar a esperanza, trazarmos un horizonte novo afirmando que ‘si hai alternativa’”, subliñou, para explicar a continuación que esa alternativa pasa por “construír unha cidade máis habitábel e moito máis verde, socialmente xusta e igualitaria” e coa que Vigo “asuma o seu papel como motor de todo un País”.
O candidato á Alcaldía sinalou as próximas eleccións municipais como “unha grande oportunidade” para abrir un tempo novo na primeira cidade galega e para poder “pasar de pantalla despois de dúas décadas de inercia e inmobilismo” que están deixando a Vigo atrás. En definitiva, “para resetear a cidade en positivo e darlle un novo impulso” que a leve máis alá, recalcou.
Neste sentido, recordou que o BNG non parte de cero, senón que chega a este novo tempo cun traballo sólido detrás, “construído a pé de rúa, barrio a barrio e parroquia a parroquia”, con presenza constante, cun continuado contacto e interlocución cos movementos sociais e, sobre todo, con propostas concretas para Vigo.
“Desde as eleccións municipais de 2023, nas que recuperamos grupo municipal e triplicamos representación, desenvolvemos máis de 950 iniciativas, propostas e posicionamentos para defender os intereses da cidade e facer unha oposición útil, firme e propositiva”, reivindicou, para remarcar que, “hoxe hai cada vez máis vigueses e viguesas que ven no BNG a alternativa esperanzadora, solvente e transformadora que necesita Vigo”.
Pérez Igrexas avanzou que o Bloque encara as próximas municipais co reto de “lograr dar un importante salto adiante” para facer do nacionalismo “unha forza decisiva e determinante” na primeira cidade do País. “Somos a forza á alza en Vigo, a quen millares de vigueses e viguesas ollan con confianza nova”, apuntou logo de remarcar que o BNG afronta as municipais en Vigo “con toda a ambición, sen límites nin teitos” e con confianza na súa alternativa política, pero, sobre todo, con “absoluta confianza” na veciñanza a ten que alentar.
Nesta liña, tendeu a man a todos os vigueses e viguesas “que non se resignan” porque saben que “Vigo merece moito máis” e avogou por aglutinar e concentrar “todas as gañas de cambio arredor do proxecto aberto” que representa o Bloque, dado que ningún voto que aposte pola transformación e por un novo modelo de cidade “pode volver quedar sen representación” no Pleno municipal. “Xogámonos algo tan importante como é poder escribir un novo capítulo da historia da nosa cidade, con mans e ideas novas”, concluíu.

