O BNG de Vigo aposta nun Pleno extraordinario polo caso Saltamontes ante o “silencio insultante” de Caballero

Redacción

O portavoz municipal do Bloque reunirase coa voceira do PP o vindeiro luns para activar de forma conxunta a sesión diante da negativa do alcalde a comparecer, como demandada a fronte nacionalista

Xabier P. Igrexas: “A única decisión que tomou Abel Caballero foi ratificar a súa confianza nunha concelleira que está imputada por un delito grave”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) anuncia o inicio do proceso para convocar un Pleno extraordinario pola imputación da concelleira de Seguridade, Patricia Rodríguez Calviño, no accidente do Saltamontes. A decisión prodúcese unha semana despois da negativa de Abel Caballero a comparecer de forma urxente, como demandaba a fronte nacionalista.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, avanzou que o vindeiro luns manterá unha xuntanza coa voceira do PP de Vigo, Luísa Sánchez, para activar de forma conxunta o mecanismo regulamentario para convocar unha sesión extraordinaria do Pleno. “Para que o alcalde non siga fuxindo deste grave caso e dea a cara dunha vez por todas no máximo órgano de representación democrática da cidade”, defendeu.

Igrexas criticou que Abel Caballero “continúe encastelado no seu despacho” negándose a dar explicacións pola actuación municipal no accidente do Saltamontes, que custou a vida dun veciño de Vigo. “A única decisión que tomou o alcalde foi ratificar a súa confianza nunha concelleira que está imputada por homicidio imprudente”, reprochou en relación ao auto de instrución contra a edil de Seguridade, emitido a pasada semana.

Dende o BNG insistiron na necesidade de que o Goberno municipal asuma responsabilidades políticas polo sucedido nas festas de Matamá de 2024, e diante dos indicios do auto xudicial que apuntan a unha xestión neglixente por falla de control, inspección e supervisión da atracción do Saltamontes, que non contaba con permiso municipal para estar en funcionamento.

O portavoz municipal do Bloque mostrouse confiado en acadar un acordo do conxunto da oposición, na xuntanza prevista para o vindeiro luns, co obxectivo de activar a convocatoria do Pleno extraordinario e “forzar” a que o alcalde dea as explicacións que se nega a ofrecer de forma voluntaria.

Cese da concelleira e Comisión de Investigación

A fronte nacionalista reiterou a ese respecto a demanda de cese inmediato da edil Patricia Rodríguez Calviño pola gravidade dos feitos que se lle imputan na causa xudicial. Ademais, cren necesario que se poña en marcha unha Comisión Especial de Investigación no Concello na que comparezan as persoas responsábeis políticas e técnicas implicadas, así como a  elaboración de conclusións e para reforzar os protocolos municipais co obxectivo de que “unha traxedia así non volva repetirse nunca máis”.

Comparte este artigo