Belén do Campo destaca que a Xunta repartiu no 2026 no Barbanza 29 axudas para actuacións de “Fermosismo” para particulares por un importe de máis de 85.000€

Redacción

A representante do Goberno autonómico incidiu na importancia de que a cidadanía siga apostando pola execución de pequeñas intervención no exterior dos seus inmobles como ferramenta para mellorar a paisaxe e corrixir impactos visuais no territorio

A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, xunto ao director do Instituto de Estudos do Territorio (IET), Enrique Luis de Salvador, visitaron hoxe o Concello de Rianxo para supervisar dúas actuacións realizadas por particulares ao abeiro das axudas da Xunta para promover o fermosismo correspondentes á convocatoria do ano pasado.

Durante a visita, Belén do Campo destacou a boa acollida que teñen estas achegas entre a cidadanía e puxo en valor o impacto positivo que pequenas intervencións poden ter na mellora da paisaxe e da contorna urbana e rural.

A delegada da Xunta supervisou as dúas actuacións acometidas en Rianxo, unha delas cunha axuda de 3.000 euros que lle permitiu ao seu propietario a restauración do revestimento dos elementos da fachada da súa vivienda, mentres que a outra contou cun apoio tamén de case 3.000 euros para a recuperación e restauración do revestimento dos muros do peche da súa finca.

Do Campo subliñou que o municipio de Rianxo foi o concello da comarca do Barbanza, que no ano 2025que contou cun maior número de achegas nesta convocatoria do ano pasado, cun total de seis beneficiarios e un importe global próximo aos 18.000 euros. Este concello ocupou o segundo lugar da provincia en número de axudas despois de Melide.

A representante do Goberno galego lembrou que no caso da provincia da Coruña, repartíronse, no 2025, 81 achegas entre particulares de 45 concellos por un importe superior aos 230.000 euros. Na comarca do Barbanza aprobáronse 16 axudas en 7 municipios: Boiro (1), Lousame (1), Mazaricos (2), Muros (1), O Porto do Son (4), Rianxo (6) e Ribeira (1) por un importe  de case 45.000 euros.

Convocatoria 2026

Belén do Campo lembrou tamén o éxito da nova convocatoria correspondente ao ano 2026, sinalando que “nos primeiros 16 minutos xa se recibira o número de solicitudes preciso para esgotar o crédito dispoñible, no caso de concederse todas”.

Segundo explicou, estas cifras “confirman o éxito que teñen entre os cidadáns unhas axudas polas que a Xunta leva anos apostando para impulsar a cultura do fermosismo, garantindo apoio económico aos propietarios particulares na execución de pequenas intervencións e reformas cun impacto visual moi positivo sobre a contorna e a paisaxe”.

A convocatoria deste ano conta cun orzamento global de 2 millóns de euros, o dobre que en 2025, coa que se repartirán 690 axudas.

A representante do Goberno galego subliñou que no caso da provincia da Coruña, concederanse 214 achegas entre particulares de 75 concellos por un importe superior aos 619.000 euros. Na comarca do Barbanza aprobáronse 29 axudas en 8 municipios: Boiro (2), Carnota (1), Mazaricos (4), Muros (3), O Porto do Son (2), Outes (4), Rianxo (11) e Ribeira (2) por un importe  de máis de 85.000 euros. O concello de Rianxo foi o tercer municipio da provincia en importe e persoas beneficiadas.

Esta orde vai dirixida a propietarios particulares para executar actuacións que contribúan a mellorar a imaxe exterior das súas vivendas e doutros bens, así como para a retirada de elementos adxacentes cando estes prexudiquen a súa estética ou xeren impacto visual.

Neste sentido, Belén do Campo incidiu na importancia de que “a cidadanía siga apostando polo fermosismo como ferramenta para mellorar a paisaxe e corrixir impactos visuais no territorio”.

As axudas permiten obter ata 3.000 euros por actuación para actuar sobre fachadas —o tipo de obra máis demandado—, cubertas e muros de peche, así como para a retirada de elementos adxacentes aos inmobles cando afecten negativamente á súa imaxe.

A Xunta financiará ata o 70% do orzamento subvencionable, o que permitirá mobilizar arredor de 3,5 millóns de euros en investimento total, tendo en conta tamén a achega dos particulares. Como novidade, este ano puideron solicitar estas axudas non só os propietarios, senón tamén os usufrutuarios dos bens e vivendas obxecto das actuacións.

Comparte este artigo