Homenaxeáronse 11 mulleres que traballan, principalmente, no mercado municipal
O Concello de Ribeira homenaxeou ás peixeiras con motivo do Día da Muller no Mar, que se conmemora neste 18 de maio. Un total de 11 mulleres (10 que venden o peixe no mercado municipal e 1 que o fai de maneira ambulante) foron as distinguidas nun acto celebrado no Museo municipal durante o cal se lle fixo entrega dun agasallo institucional. Os seus nomes son Beatriz Maneiro, Mónica Luna, Montse Pérez, María Dolores Mayán, Ana Belén Mayán, Juana Pinazas, María José Ouviña, María del Carmen Martínez, María Miranda, Manuela Pardavila e María José Paz.
A alcaldesa, María Sampedro, manifestou que este é “un acto máis que reitera a transcendencia que ten o mar na nosa identidade como pobo, pero que tamén visibiliza e recoñece ás mulleres que se dedican profesionalmente a este sector; mulleres que lonxe de pasar a xornada laboral, viven o mar. Nesta ocasión, rendemos tributo ás nosas peixeiras porque elas son o corazón que fai latexar o noso mercado municipal que, por certo, cumpre neste 2026 o seu décimo aniversario.” Sampedro tamén se referiu ao seu trato como un valor engadido durante o proceso de compra, “sempre aconsellándonos e facendo que teñamos nos nosos pratos produtos frescos, de excelente calidade e de proximidade, outorgando valor engadido á dieta atlántica.”
Sobre a transcendencia do papel feminino no sector marítimo pronunciouse tamén o concelleiro de Mar, Fernando Abraldes, quen lembrou que, en anteriores anos, Ribeira puxo o foco nas redeiras e mariscadoras. “Sen elas non é posible entender o mar, sen elas non é posible entender Ribeira”, apuntou. Así mesmo, o edil enxalzou a proximidade das peixeiras, pois “estamos nun mundo que cada vez tende máis á dixitalización, si, pero no que é de agradecer ese trato humano dos nosos praceiros, das nosas peixeiras. Quen mellor para recomendarnos que especie está máis boa segundo a tempada do ano? Agora que vai vir San Xoán, quen mellor para orientarnos de se a sardiña está boa e molla o pan?”

