Caldas de Reis renova a súa colaboración con Amicos para seguir impulsando a orientación laboral e proxectos medioambientais na zona

Redacción

• O acordo permitirá manter o servizo de atención a persoas con discapacidade da comarca nun espazo municipal cedido polo Concello

• Ambas entidades continuarán colaborando en iniciativas de sensibilización e coidado ambiental como o proxecto TRAP

O Concello de Caldas de Reis e Amicos renovaron o seu convenio de colaboración co obxectivo de dar continuidade ao servizo de orientación laboral especializado que a entidade desenvolve no municipio, así como reforzar o traballo conxunto en proxectos sociais e medioambientais.

A sinatura do acordo tivo lugar esta mañá, 19 de maio, na Casa do Concello, á que asistiron o alcalde de Caldas, Jacobo Pérez, e o responsable da área de Alianzas con Persoas e Empresas de Amicos, Miguel Beiro.

Grazas a esta renovación, o Concello continuará coa cesión dun espazo municipal desde o que o equipo de orientación laboral de Amicos presta atención individualizada a persoas con discapacidade da comarca, acompañándoas nos seus procesos de formación, procura de emprego e mellora da autonomía persoal e profesional.

No último ano, este servizo permitiu atender a máis de 50 persoas en Caldas de Reis, ofrecendo apoio especializado e itinerarios adaptados ás necesidades de cada participante.

A alianza entre ambas entidades vai máis alá do ámbito laboral. Así, o Concello de Caldas de reis e Amicos continuarán colaborando tamén en distintas accións de sensibilización social e coidado medioambiental, entre elas o proxecto europeo TRAP, centrado na loita contra os residuos plásticos nos ecosistemas fluviais e mariños e na promoción dunha maior conciencia ambiental na comunidade.

Ademais, ambas partes coincidiron na importancia de seguir traballando de maneira coordinada na procura de novas vías de financiamento que permitan ampliar e mellorar o servizo de orientación, reforzando así os recursos e apoios ofrecidos ás persoas participantes.

Durante o encontro, Jacobo Pérez puxo en valor “o traballo que Amicos desenvolve na comarca acompañando ás persoas e xerando oportunidades reais”, destacando tamén “a importancia da posta en marcha de iniciativas e a colaboración con entidades que contribúen a construír unha sociedade máis inclusiva e comprometida co entorno”.

Pola súa banda, Miguel Beiro agradeceu “a confianza e implicación do Concello de Caldas de Reis”, subliñando que “as alianzas coas administracións locais son fundamentais para achegar os servizos ás persoas e seguir creando oportunidades desde o territorio”.

Con esta renovación, Amicos continúa consolidando a súa rede de colaboracións en Galicia, reforzando un modelo baseado na proximidade, o acompañamento individualizado e o traballo en rede para avanzar cara a unha sociedade máis inclusiva e accesible para tódalas persoas.

Comparte este artigo