Cuestiona que o Observatorio da Vivenda anunciado conte cun plan de traballo logo da falla de respostas da concelleira de Urbanismo a interpelacións da fronte nacionalista
Xabier P. Igrexas: “Máis que grandes anuncios e fotos, o que precisa a cidade é que o Concello de Vigo actúe con determinación para garantir o acceso á vivenda”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) tacha de “simulación” os anuncios en materia de vivenda realizados polo Goberno de Abel Caballero. Así o denunciou este martes o seu portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, despois de interpelar á concelleira de Urbanismo en relación ao Observatorio da Vivenda, cuxa posta en marcha foi anunciada polo Goberno local a pasada semana.
“A señora Caride foi incapaz de responder cales van ser os traballos e os prazos de execución deste Observatorio”, desvelou Igrexas. Por este motivo, esixiu que o Goberno de Caballero dea a coñecer “con todo detalle” se existe un plan de traballo para este organismo, que actuacións ten previsto desenvolver e cales son os obxectivos concretos da súa actividade.
Advertiu así que o Observatorio, a única medida aplicada en materia de vivenda, pode ser “unha nova pantalla nesa política de simulación” do Goberno local. Lembrou a ese respecto que a prometida Empresa Municipal de Vivenda continúa sen estar constituída legalmente, mentres que o proxecto en marcha para as 27 vivendas de Esturáns terá un prazo mínimo de 27 meses de execución.
“Moito nos tememos que sexa un anuncio máis para que pareza que se pretende facer algo, para logo na práctica non facer nada diante do principal problema social na nosa cidade”, cuestionou Igrexas sobre o Observatorio. Demandou por ese motivo que o Concello de Vigo actúe con determinación para garantir o “primeiro dereito da cidadanía” en lugar de grandes anuncios e fotos.
A inacción da Xunta como escusa
O portavoz municipal do BNG asegurou que a “inacción da Xunta de Galiza non pode ser unha escusa para que o Concello continúe a ollar cara a outro lado” en materia de vivenda. “Sabemos que nada se pode esperar do PP, que o único que fixo dende o ano 2009 foi desmantelar a potente política de vivenda pública que puxera en marcha o BNG dende o Goberno galego”, manifestou, cuestionando os anuncios semanais “das mesmas vivendas” no plan parcial de Navia.
Dende a fronte nacionalista advertiron de que os prezos dos alugueiros continúan a aumentar mes a mes, superando nestes momentos os 730 euros mensuais de media, segundo os últimos datos oficiais do Instituto Galego de Vivenda e Solo, mentres os Gobernos local e galego seguen “de brazos cruzados”.
Nese sentido, alertaron tamén de que xa hai 7 pisos turísticos por cada alugueiro residencial dispoñíbel, o que se traduce a xuízo do Bloque “na expulsión de millares de familias traballadoras, de mozas e de mozos, que non se poden permitir directamente o luxo de vivir na súa propia cidade.

