O BNG acusa ao PP de facer política de cara á galería coa praia canina de Ardán

Redacción

Celia García manifesta que a proposta do goberno local para a praia canina non responde á demanda real das familias con mascotas, escolle un espazo pouco accesible e ademais anúnciase sen ter iniciada a modificación da ordenanza municipal necesaria para a súa posta en funcionamento

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) defendeu, no último pleno municipal celebrado o 14 de maio, o seu compromiso coa creación de espazos adaptados para mascotas e criticou a falta de planificación do goberno local na proposta anunciada para habilitar unha praia canina na Praia da Ribeira Pequena.

A formación nacionalista considera que a ubicación escollida non reúne as condicións adecuadas para cumprir a finalidade anunciada. Segundo explican, trátase dun espazo de dimensións moi reducidas, practicamente inexistente coa marea alta, con pouca superficie de area cunha elevada presenza de pedras e rochas, e importantes dificultades de acceso e aparcamento nas proximidades.

Ademais, Celia García Santomé, concelleira da formación, lembra que a actual Ordenanza Xeral de Protección Medioambiental do Concello de Marín prohibe expresamente a presenza de animais nas praias durante a tempada estival, polo que resulta imprescindible tramitar previamente unha modificación normativa antes de anunciar a entrada en funcionamento dunha praia canina.

A formación nacionalista lamenta tamén as declaracións realizadas pola concelleira de Medio Ambiente, Marián Sanmartín, tras o pleno, nas que se acusaba ao BNG de “non querer dar resposta ás necesidades da veciñanza”. Desde o Bloque aclaran que a súa abstención na moción non responde a un rexeitamento da medida, senón á maneira na que o goberno local do PP está pretendendo executala.

“Resulta sorprendente que quen leva anos ignorando as propostas do BNG e dunha parte importante da veciñanza pretenda agora presentar ao Bloque como contrario a estas demandas. O noso compromiso está demostrado con iniciativas, traballo e apoio social”, conclúen.

Neste sentido, o BNG lembra que levan anos trasladando propostas para adaptar os espazos públicos ás novas necesidades das familias con mascotas, con iniciativas presentadas xa en 2022 para a creación dun parque canino e unha nova moción impulsada en 2024 para estudar diferentes áreas recreativas, unha proposta que contou ademais co apoio de 1.504 sinaturas veciñais.

Desde o BNG consideran estas afirmacións “profundamente inxustas e faltas de memoria”, lembrando que levan anos trasladando propostas para adaptar os espazos públicos ás novas realidades sociais e ás necesidades das familias con mascotas.

Comparte este artigo