O BNG esixe máis fondos para completar o Corredor Atlántico: “Vigo non pode seguir excluída das redes europeas de transporte”

Redacción

A eurodeputada Ana Miranda logra a inclusión inicial de 40 emendas ao Mecanismo Conectar Europa para reforzar as redes ferroviarias e portuarias da cidade e da súa área

Ana Miranda: “A voz de Vigo en Europa deféndea o BNG, somos a voz do tren, da conexión con Portugal, do noso porto e aeroporto”

Xabier P. Igrexas: “O escano que Galiza ten no Parlamento europeo demostra con feitos que o BNG é a única forza que fai valer os intereses de Vigo”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) esixe máis fondos para completar o Corredor Atlántico. A fronte nacionalista, a través da súa eurodeputada Ana Mirada, vén de lograr a inclusión inicial de 40 emendas á proposta do Mecanismo Conectar Europa para demandar un reforzo das infraestruturas ferroviarias e portuarias de Vigo e da súa área para que “non queden outra vez excluídas das redes europeas de transporte”.

Así o anunciou Miranda este venres nunha rolda de prensa xunto ao portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, na que puxeron en valor o traballo do BNG no Parlamento europeo na defensa dos intereses da cidade e de Galiza. “A voz de Vigo en Europa deféndea o BNG, somos a voz do tren, da conexión con Portugal, do noso porto e tamén do aeroporto”, reivindicou a eurodeputada nacionalista.

Entre as emendas do Bloque, que foron aprobadas de forma inicial na Comisión de Desenvolvemento Rexional do Parlamento Europeo, destacou a demanda de maiores recursos para finalizar o Corredor Atlántico dentro das redes europeas de transporte. “Reclamamos investimentos reais para completar esta conexión fundamental para o noso país, non só fondos para estudos ou actuacións puntuais”, enfatizou Miranda, advertindo tamén de que non se poden repetir os atrasos dos últimos anos nesta infraestrutura.

Outro dos eixos prioritarios para a fronte nacionalista pasa pola inclusión do Porto de Vigo e do porto seco da Plisan nas autoestradas do mar, co obxectivo de fortalecer o seu papel referente a nivel europeo e internacional. E tamén demanda a mellora das redes ferroviarias coa axilización da conexión con Portugal e coa modernización de infraestruturas infrautilizadas ou abandonadas como a conexión Vigo-Ourense ou con nodos secundarios na área de Vigo.

A eurodeputada do BNG cargou ademais contra os plans da presidenta da Comisión Europa, Ursula Von der Leyen, para o aumento dos gastos militares. “Non precisamos máis armas, o que necesitamos son moitos máis recursos para completar e desenvolver conexións e infraestruturas que son fundamentais para a vida das galegas e dos galegos”, defendeu Miranda.

Falla de compromiso de Xunta e Goberno español

De por parte, o portavoz municipal do BNG destacou o papel do BNG “dando a batalla” en cuestións estatréxicas para a mobilidade e o transporte fronte á “falla de compromiso” da Xunta do PP e do Goberno español de PSOE-Sumar. “O escano que Galiza ten no Parlamento europeo demostra con feitos que o Bloque é a única forza que fai valer os intereses da nosa cidade e de Galiza”, salientou Igrexas.

Insistiu na necesidade de que Vigo avance para ser o “motor” da Eurrorexión Galiza-Norte de Portugal, para o que considerou necesario completar o Corredor Atlántico e as conexións ferroviarias e portuarias a nivel europeo. “O Mecanismo Conectar Europa vai acompañado dun importante paquete de investimentos do que Vigo non pode ficar excluído”, manifestou o voceiro municipal nacionalista.

Comparte este artigo