A Xunta destina preto de 33.000 euros a unha actuación integral de restauración ambiental e paisaxística na contorna do Miradoiro da Pena do Conde, en Sober

Redacción
  • Ángeles Vázquez pon en valor o traballo realizado para a recuperación ambiental e a restauración de infraestruturas de uso público
  • Subliña a importancia de  recuperar este miradoiro en tanto que é un dos enclaves paisaxísticos máis singulares do concello
  • Salienta que o Goberno galego tamén executou actuacións de restauración ambiental e control da erosión nunha superficie aproximada de 4,3 hectáreas

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, salientou hoxe que a Xunta destinou preto de 33.000 euros a unha actuación integral que permitiu acometer a recuperación ambiental e restauración de infraestruturas da contorna do miradoiro da Pena do Conde, no Concello de Sober.

Segundo explicou a conselleira durante a visita a esta zona, que se viu afectada polo lume o pasado verán, a reconstrución do miradoiro levouse a cabo ao abeiro da orde de axudas convocada pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para a reparación de danos causados polos incendios forestais en infraestruturas de uso público localizadas en espazos naturais protexidos.

Neste caso, o Concello de Sober recibiu unha axuda de preto de 15.000 euros para a recuperación integral do miradoiro da Pena do Conde, que é o primeiro da Ribeira Sacra sobre o Canón do río Cabe e que, ademais, forma parte dunha rede distinguida co selo de Calidade Turística de España. Nese senso, a conselleira subliñou a importancia de  recuperar “un dos enclaves paisaxísticos máis singulares do concello”.

Nese senso, a actuación consistiu no reforzo da estrutura metálica mediante cordóns de soldadura e endereitamento dalgunhas chapas; nova construción de plataformas e escaleiras con madeira de pino tratada; reposición do chan da pasarela metálica e revestimento das paredes interiores da mesma con madeira de pino tratada; e reposición de bancos e cartelaría con información gráfica.

A maiores, Ángeles Vázquez fixo fincapé en que o Goberno galego tamén executou actuacións de restauración ambiental e control da erosión nunha superficie aproximada de 4,3 hectáreas, cun investimento de máis de 18.000 euros para minimizar o impacto do lume nas ladeiras de forte pendente cara ao río Cabe.

En concreto, nas zonas sen cobertura vexetal aplicáronse medidas urxentes de estabilización do solo como albarradas de pedra e entramados de madeira queimada, que se complementaron con outras accións como sementeiras manuais e o acolchado ou mulching de palla co obxectivo de reducir a escorrenta, reter sedimentos e acelerar a recuperación da cuberta de vexetación.   

Ademais, nesta contorna tamén se derribaron piñeiros queimados sen aproveitamento forestal que foron reutilizados para a construción de entramados de troncos e, deste xeito, contribuír, entre outros aspectos, a reter sedimentos transportados pola escorrenta, favorecer a infiltración da auga no solo, reducir a velocidade da escorrenta e a súa capacidade erosiva e aumentar a rugosidade hidráulica do terreo.

Cómpre lembrar que para paliar os danos causados polos incendios forestais do pasado verán, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático convocou dúas liñas de axudas a través das que concedeu apoios por 1 millón de euros.

Unha das liñas estaba destinada a concellos ou mancomunidades de montes para restaurar infraestruturas de uso público (sinais, carteis interpretativos, miradoiros, pasarelas, varandas…) que resultaran afectadas polo lume en zonas da Rede galega de espazos protexidos e Reservas de biosfera.

A outra liña de apoios tiña como obxectivo compensar aos titulares de Tecores para cubrir os gastos de sementeira de cereais en terreos afectados e para reparar e repoñer instalacións danadas (refuxios, comedoiros para animais, cercados…).

Comparte este artigo