Unión de forzas en Ribeira para a retirada de lixo na praia de Coroso

Redacción

 O Concello, a R. e I. Cofradía da Dorna e a Asociación Amicos promoveron conxuntamente a acción

Os microplásticos situáronse como o residuo principal que se retirou na limpeza da praia de Coroso realizada no 23 de maio, resultado dunha acción promovida conxuntamente entre o Concello de Ribeira, a R. e I. Cofradía da Dorna e a Asociación Amicos.

Esta actuación permitiu liberar o principal areal urbano de 20 quilogramos de lixo. Con relación á cantidade, o concelleiro de Mar e Promoción do Litoral, Fernando Abraldes, explica que “se ben pode parecer pouca contía, estamos falando de que había principalmente microplásticos, os cales son os que máis afectan á fauna mariña e, en consecuencia, aos produtos do mar que chegan ás nosas mesas e que despois consumimos as persoas.” Abraldes avanzou que xa se está traballando noutra limpeza de praias que se focalizará no litoral dunha das parroquias de Ribeira, desta vez, en colaboración con outra entidade.

Pola súa banda, o edil de Medio Ambiente, Víctor Reiriz, agradece o establecemento de sinerxías entre “tres organismos conscientes da problemática do lixo na nosa costa que sumaron esforzos, xunto coa cidadanía que quixo participar, para o beneficio do conxunto da sociedade e concienciar sobre a necesidade de preservar as contornas naturais, especialmente, as marítimas. “

Comparte este artigo