As principais organizacións políticas e estudantís da mocidade nacionalista e independentista da Galiza (Galiza Nova, Isca!, Unión da Mocidade Galega, Erguer – Estudantes da Galiza e Fervenza Sindicato Estudantil) presentaron esta mañá en Vigo unha comitiva unitaria para artellaren unha resposta perante a celebración do desfile do Día das Forzas Armadas españolas na cidade olívica o vindeiro 30 de maio.
Baixo o lema “Soberanía para rachar co belicismo! A mocidade galega contra a guerra e o imperialismo”, as cinco organizacións anunciaron a creación dunha comitiva xuvenil soberanista unitaria. Esta formación sumarase en conxunto á mobilización nacional convocada pola Plataforma Galiza Pola Paz, que partirá o sábado 30 de maio ás 12:00 h desde a Vía Norte de Vigo.
“Gasto militar millonario fronte á precariedade xuvenil”
Durante a rolda de prensa, as portavoces deron lectura a un manifesto conxunto no que cualificaron o desfile do exército español como un acto “millonario” que unicamente busca “exaltar o españolismo, o militarismo e a submisión á OTAN”. Para as organizacións, este despregamento supón unha “provocación” nun contexto de profunda crise social.
Non se pode falar de paz cando millares de familias non chegan a fin de mes e se aumenta o gasto militar. O Estado español e a Xunta gastan millóns na industria armamentística que nunca existiron para o ensino público galego, para políticas de acceso á vivenda ou para impulsar un plan de emprego xuvenil”, subliñaron as e os voceiros.
Denuncia do “lavado de cara” nos centros de ensino
As organizacións tamén alertaron sobre o papel ideolóxico do exército, acusándoo de introducir o seu discurso belicista nos espazos educativos para “facer un lavado de cara das institucións do réxime”. Neste sentido, a mocidade soberanista deixou clara a súa postura de insubmisión fronte á actual deriva internacional: “Pretenden que sexamos as fillas das clases populares quen loitemos nas guerras imperialistas que promoven as elites de occidente. A mocidade galega loitará, si, pero polos dereitos nacionais e sociais do noso pobo, nunca polas guerras de quen nos nega e nos precariza”.
Para finalizar, desde a Comitiva Xuvenil Soberanista fixeron un chamamento masivo a toda a xuventude galega para que o vindeiro sábado 30 de maio saia ás rúas de Vigo de maneira “contundente” para defender “un futuro en paz, fóra da OTAN e onde a vida se poña por diante dos intereses imperialistas”.

