O BNG expresa no Pleno de Vigo o apoio ao persoal do lixo en folga e esixe a intervención do Goberno local

Redacción

A fronte nacionalista denuncia a “falla de control sobre os grandes contratos” do Concello, entre eles os incumprimentos da concesionaria do servizo de recollida de residuos

Xabier P. Igrexas: “Non podemos tolerar que empresas como FCC parasiten o Concello nin seguir a subvencionar a precariedade laboral con cartos públicos”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) vén de expresar este luns no Pleno de Vigo o seu “total apoio” ao persoal do servizo de recollida de lixo, que se mobilizou ás portas do Concello durante a sesión na segunda xornada de folga. A fronte nacionalista esixiu unha intervención do Goberno local para promover un acordo xusto na negociación do convenio.

O portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas, sinalou que a denuncia sindical confirma que “hai un absoluto descontrol” no servizo, con incumprimentos das obrigas recollidas no contrato por parte da empresa concesionaria FCC. Unha práctica que, denunciou, se repite na práctica totalidade dos servizos privatizados do Concello de Vigo. “Esperamos que neste conflito Abel Caballero non insista na mesma complicidade coa empresa que tivo con Vitrasa”, manifestou.

Igrexas alertou así dunha “crecente precariedade laboral na concesionaria, de contratacións en fraude e de incumprimentos das listas para colar amigotes”, e tachou de “inaceptábel” que non se garanta o 100% do persoal necesario á hora de prestar este contrato millonario, que foi licitado por 402 millóns de euros no ano 2023. “Non podemos tolerar que concesionarias como FCC parasiten o Concello, facendo caixa a costa de diñeiro público, nin seguir a subvencionar a precariedade laboral”, advertiu.

Barra libre das concesionarias

O portavoz municipal do BNG demandou a ese respecto, durante o debate do informe de control interno do Concello do ano pasado, que se poña fin ao que cualificou de “política de barra libre” coas empresas concesionarias, lembrando que estes incumprimentos se repiten tamén en servizos como a limpeza de dependencias municipais, o Servizo de Axuda no Fogar ou o mantemento de parques e xardíns. “Prestan menos do comprometido, reducindo calidade e persoal”, criticou.

Dende a fronte nacionalista demandaron que o Concello actúe “con toda a contundencia e determinación” para garantir que se cumpran estes contratos nos servizos privatizados, acusando ao Goberno de Caballero de mirar cara a outro lado. “A súa resposta é sempre o silencio, ningún expediente sancionador serio, ningunha medida que defenda o interese público fronte aos beneficios privados”, reprochou Igrexas.

Comisión de Vixilancia da Contratación                                      

O voceiro do BNG afirmou que esta situación é consecuencia da “ilegalidade” do Goberno municipal por non constituír a Comisión de Vixilancia da Contratación, un organismo obrigatorio segundo o Regulamento Orgánico do Pleno. “Non é un capricho, é o mecanismo legal de control”, matizou, lembrando que hoxe 2 de cada 3 euros do orzamento municipal van destinados a contratación pública.

Na mesma liña, Igrexas denunciou na sesión plenaria a eivas de control financeiro durante o pasado exercicio, onde segundo se desprende do informe da intervención municipal, máis do 86% das obras executadas presentaron excesos de medicións ao prezo inicial ou que máis da metade das subvencións directas incumpren coa obrigada remisión de información á Base de Datos Nacional de Subvencións.

Sen garantías de cobro das sancións

Outro dos aspectos “preocupantes” a xuízo do Bloque e o “descontrol” na Xerencia de Urbanismo sobre o seguimento das sancións. Segundo o informe municipal, este organismo carece dos medios e procedementos necesarios para garantir a efectividade das sancións, polo se están a sancionar ilegalidades pero non garantindo o seu cobro.Un saúdo.

Comparte este artigo