O BNG de Vigo esixe que Caballero desista do túnel de Portal do Sol a Torreceira: “Estamos a tempo de evitar un novo Scalextric”

Redacción

Defende que é unha obra “innecesaria” na que se van enterrar 40 millóns coa prolongación no Barrio do Cura, e que vai poñer en risco a Oliveira bicentenaria e as murallas da cidade

Xabier P. Igrexas: “Vigo non precisa máis obras faraónicas para alimentar o ego do alcalde”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) esixe que o alcalde de Vigo, Abel Caballero, desista de forma definitiva do túnel da Porta do Sol e da pretensión de prolongalo até Torrecedeira. Así o volveu demandar este martes o seu portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, quen cualificou de “mausoleo subterráneo” o proxecto do Goberno local e asegurou que a cidade “está a tempo de evitar un novo Scalextric”.

Igrexas denunciou que o túnel iniciado na Porta do Sol até Elduayen, no que se destinaron xa 17 millóns de euros do Concello, demostrouse despois de seis anos un “despilfarro caprichoso nunha infraestrutura innecesaria”. Lembrou que o Bloque foi a única forza política que se opuxo en 2019 a este proxecto para soterrar o tráfico, que ao seu xuízo non era necesario para peonalizar o quilómetro cero da cidade. “A realidade demostrou que tiñamos razón e hoxe funciona perfectamente sen coches en superficie”, afirmou.

Advertiu por este motivo contra a pretensión do alcalde de prolongar o proxecto cun “macrotúnel” até Torrecedeira, que aumentaría en 20 millóns de euros adicionais o custo. “É un despropósito asumir con diñeiro público unha infraestrutura ao servizo da nova urbanización VIP do Barrio do Cura”, censurou o portavoz municipal nacionalista. “Vigo non necesita máis obras faraónicas pensadas para alimentar o ego de Abel Caballero”, subliñou.

Dende o BNG defenderon un “modelo alternativo” de cidade, que desenvolva nunha mobilidade “moderna, sustentábel e pensada para as persoas” en lugar de soterrar millóns de euros baixo terra. Igrexas chamou así a apostar por un Vigo máis verde, máis habitábel, con máis transporte público, máis espazo peonil e menos dependencia do vehículo privado. “A nosa cidade non precisa máis faraonadas que hipotequen o futuro”, advertiu.

Ameaza para a Oliveira

O portavoz municipal do Bloque alertou tamén de que este “capricho” do alcalde de Vigo supón unha “ameaza directa” contra o patrimonio, en particular polos riscos para un dos “maiores símbolos vivos” da cidade como a Oliveira bicentenaria do Paseo de Afonso. “Non podemos poñer en perigo as súas raíces nin a integridade das murallas históricas por mor dun modelo de formigón e soberbia que despreza a nosa memoria e identidade”, afeou.

A fronte nacionalista trasladou formalmente estas demandas a Abel Caballero para que paralice de forma definitiva a prolongación do túnel. “Instamos ao alcalde a rectificar, escoitar a veciñanza e reorientar eses millóns de euros cara o que de verdade importa: humanizar en superficie, defender o noso patrimonio e investir nos barrios e parroquias esquecidos”, subliñou. 

Un saúdo.

Comparte este artigo