O Concello facilita a compatibilización da vida persoal e laboral das familias durante o verán co programa Ribeira Concilia

Redacción

 O prazo de preinscrición comeza no 28 de maio

A rapazada está a piques de rematar o curso e dar a benvida ás vacacións de verán, polo que o Concello pon en marcha unha nova edición do programa Ribeira Concilia para a tempada estival, dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos.

Este servizo desenvolverase nas instalacións do CEIP O Grupo, de luns a venres, agás festivos, en horario de 09.00 a 14.00 horas, e complementarase coa prestación de madruga, a partir das 07.45 horas, e de comedor, ata as 16.00 horas.
“Damos así resposta ao reto das familias de compatibilizar horarios facilitando a conciliación da vida familiar e laboral. Estamos ao lado das familias”, en palabras do concelleiro de Servizos Sociais, Vicente Mariño, acompañado da coordinadora da área, Francisca Vidal.

O programa estrutúrase da seguinte maneira: do 22 ao 30 de xuño, con 60 prazas; mes completo de xullo, con 150 prazas; mes completo de agosto, con 150 prazas; e do 1 ao 7 de setembro, con 60 prazas.

A contía a aboar é de 50 euros para a quenda de xuño, 50 euros para a quenda de setembro, 100 euros polo mes completo de xullo, 100 euros polo mes completo de agosto, 180 euros por xullo e agosto e 200 euros por todo o período estival.

Prazo de inscrición

Ábrese un prazo de preinscrición do 28 de maio ao 10 de xuño. As solicitudes poderán formalizarse de maneira presencial no Departamento de Servizos Sociais Comunitarios ou na Oficina de Atención Cidadá do Concello, con horario de atención ao público de 09.00 a 14.00 horas, presentando a ficha de inscrición cuberta, a folla de autorización, copia do DNI do participante e do pai/nai/titor e demais documentación esixida. Tamén hai opción de facer o proceso de maneira telemática na sede electrónica municipal, dentro do apartado de ‘Trámites destacados’ e ‘Solicitude xenérica’. Deberase tramitar a solicitude de carácter xeral e acompañala dos documentos anteriormente indicados.

As listaxes de admisión, agarda e vacantes publicaranse no 12 de xuño.

Bonificacións

As familias en situación de vulnerabilidade desfrutarán de bonificacións. Proponse a aplicación dun desconto do 20% sobre o importe de matrícula aos fillos/as das familias que reúnan algunha das seguintes condicións ou circunstancias, e así o acrediten previamente mediante a aportación dos documentos pertinentes:
– Familias que teñan o título de familia numerosa.
– Familias acolledoras ou monoparentais que o acrediten documentalmente co certificado oficial.
– Familias con dous ou máis inscritos/as nesta actividade: o desconto aplicaríase na matrícula do segundo fillo/a e sucesivos.
– Familias nas que, ao menos, un dos seus membros sexa desempregado/a de longa duración.
– Familias nas que o propio participante acredite unha discapacidade de ao menos o 33% (acreditando tal condición co certificado de discapacidade).

Na mesma liña proponse a reserva do 10% das prazas para emerxencia social.

Comparte este artigo