O BNG demanda no Congreso a ampliación e mellora do CIS Carmen Avendaño en Vigo

Redacción

Traslada as “graves deficiencias estruturais” do centro de inserción social e reclama corrixir a falla de prazas e de persoal diante da “saturación” crecente nos últimos anos

Xabier P. Igrexas: “Esta precariedade é o resultado dunha lóxica de desequilibrio territorial e de infradotación sistemática dos servizos estatais en Galiza”

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) demanda do Goberno español a ampliación e mellora do Centro de Inserción Social (CIS) Carmen Avendaño en Vigo. A fronte nacionalista vén de rexistrar iniciativas no Congreso —a través do seu deputado, Néstor Rego— recollendo as reivindicacións sociais e sindicais que alertan de graves deficiencias estruturais do centro así como da falla de prazas e de persoal diante da saturación crecente nos últimos anos.

Dende o Bloque denuncian que o CIS Carmen Avendaño inaugurouse no ano 2006 con instalacións inferiores ás necesarias para atender a maior cidade galego e a súa comarca. Comparado co da Coruña, subliñan, ten menos da metade de superficie útil, de persoal e case un 50% menos de prazas. E alertan tamén da falla de autonomía do centro, que ten limitada a súa xestión diario ao depender do Centro Penitenciario da Lama.

“Isto tradúcese ademais en oficinas saturadas, despachos sen luz natural ou arquivos invadindo espazos de traballo”, desvelou o portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas. “Esta precariedade é o resultado dunha lóxica de desequilibrio territorial e de infradotación sistemática dos servizos estatais en Galiza”, valorou.

Aumento da presión asistencial

A fronte nacionalista alertou de que a presión e actividade do CIS aumentou de “forma drástica” nos últimos anos coa expansión das penas alternativas, do control telemático e dos cambios legais. Só en xaneiro de 2024, segundo datos oficiais, o número de penas de traballo en beneficio da comunidade acadaron as 471. Unha saturación que se multiplicou dende outubro do ano pasado coa centralización en Vigo dos casos de toda a provincia após o peche do punto de atención que existía en Pontevedra.

Proxecto de ampliación

Igrexas afeou que o Goberno español paralizase en 2012 o proxecto de ampliación, malia estar licitado por 10,5 millóns de euro, mentres as antigas dependencias da prisión de Vigo, no mesmo recinto, levan sen uso dende hai 28 anos. Avanzou a ese respecto que existe unha nova proposta técnica para reutilizar mil metros cadrados e ampliar as instalacións sen necesidade de obras estruturais.

As iniciativas do BNG demandan tamén un incremento do persoal para equiparalo a outros centros semellantes, así como garantir programas de intervención específicos en violencia de xénero, seguranza viaria e xustiza restaurativa. Aliás, piden que o Goberno español informe sobre o futuro da antiga prisión para garantir que teña un uso público e de carácter social.

“Non aceptamos máis desculpas nin máis discriminación, Vigo e Galiza merecen servizos públicos dignos”, defendeu o portavoz municipal do Bloque, chamando a que o Executivo central “se poña as pilas” co CIS Carmen Avendaño. “A reinserción social é un dereito e unha necesidade; as persoas que cumpren condena en semiliberdade e os profesionais que traballan na súa reinserción merecen dignidade”, remachou. 

Comparte este artigo