Avanzan a bo ritmo os traballos nocturnos de asfaltado da N-640 no casco urbano de Caldas de Reis

Redacción

O alcalde, Jacobo Pérez, supervisou este luns os traballos que se levaron a cabo no enroque coa N-550, así como en Pedro Mateo Sagasta e Juan Fuentes Echeverría

“Cada vez estamos máis preto de contar cun firme totalmente renovado desde San Andrés ata Saiar”, sinalou Pérez Gulín, que destacou a importancia da obra impulsada pola Subdelegación do Goberno en Pontevedra

O alcalde de Caldas de Reis, Jacobo Pérez, supervisou durante a noite do pasado luns os traballos de renovación do asfaltado na estrada N-640, que deron comezo no termo municipal hai dous meses e que actualmente xa se están a
desenvolver a pleno rendemento no casco urbano da vila. Tal e como lembrou o rexedor, estas tarefas estanse desenvolvendo en horario nocturno, entre as 22.00 horas e as oito da mañá do día seguinte, co obxectivo de limitar ao máximo posible a afectación ao tráfico rodado.

Pérez Gulín explicou que no inicio desta semana a obra se centrou fundamentalmente no entroque da estrada coa N 550. “Estase actuando en Pedro Mateo Sagasta e tamén na rúa Juan Fuentes Echeverría, que son dúas das vías máis transitadas do noso núcleo”, recordó. Para facilitar o labor dos operarios, o Concello restrinxiu os estacionamentos nas zonas afectadas, avisando con antelación á veciñanza. “Somos conscientes das molestias puntuais que poden
suscitar estes traballos e, por iso, estamos moi agradecidos pola comprensión da xente. Os veciños e veciñas de Caldas de Reis son conscientes da importancia desta actuación”, apuntou o alcalde. Con respecto á N-550, tamén se está actuando para mellorala, e xa son apreciables estas melloras en lugares como Carracedo.

Cómpre lembrar que os traballos, impulsados pola Subdelegación do Goberno en Pontevedra, comezaron no municipio caldense a principios de abril, unha vez rematada a Semana Santa. A renovación do pavimento, que se atopaba moi deteriorado en varias zonas, iniciouse en San Andrés. Jacobo Pérez salienta o bo ritmo da actuación, que chegará ata Saiar. “É unha obra pola que tivemos que agardar un pouco, pero pagou a pena, dada a súa importancia, xa que imos contar cun firme completamente renovado ao longo de máis de 9 quilómetros de extensión”, lembrou o rexedor caldense, que expresou unha vez o seu agradecemento á Subdelegación do Goberno por dar resposta a esta demanda veciñal. A situación do firme resentiuse en varias zonas, especialmente nos últimos meses, por mor das condicións meterolóxicas. O mal tempo tamén impediu que se puidera actuar antes. O prazo de execución para completar os traballos en todo o termo municipal é de dez meses aproximadamente. O orzamento ascende a máis de 2,2 millóns de euros.

A mellora do firme da estrada nacional lévase a cabo a trafés do Programa Pavimentos Asfálticos Eficientes (EFAPAVES), impulsado polo Ministerio de Transportes, a través do cal se executan este tipo de traballos apostando por materiais máis eficientes e respectuosos co medio ambiente. O financiamento chega a través de fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

Comparte este artigo