A fronte nacionalista alerta do impacto ecolóxico destas actuacións contrarias á evidencia científica e as normas ambientais
Esixe ao Goberno municipal o cese inmediato das podas e unha mudanza radical no seu nefasto modelo de xestión do arboredo urbano
Xabier P. Igrexas: “Ignorar os períodos biolóxicos das especies é unha mostra máis da neglixente xestión do verde urbano por parte do alcalde-leñador”
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo denunciou hoxe que o Goberno municipal continúa a realizar podas en árbores urbanas en pleno período de nidificación das aves, concretamente no Parque de Castrelos, unha actuación que cualifica de “ambientalmente irresponsábel” e “cientificamente inxustificábel”.
O portavoz municipal do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, advertiu de que este tipo de intervencións teñen un impacto ecolóxico inmediato e acumulativo nun contexto no que a biodiversidade urbana xa se atopa fortemente presionada na cidade. “Estamos a falar dunha práctica que pode provocar a destrución de niños, ovos e polos, ou o abandono das crías polo estrés e a perturbación das intervencións humanas”, sinalou.
Segundo explicou Igrexas, a evidencia científica é clara ao respecto: as podas realizadas durante o ciclo reprodutivo das aves reducen o éxito reprodutivo e provocan a redución das poboacións urbanas, xa de por si afectadas pola perda e fragmentación do seu hábitat. “Non existe ningunha xustificación técnica nin ambiental para actuar nestas datas”, afirmou.
“Nefasta xestión do arboredo”
O BNG subliña ademais que o arboredo urbano cumpre funcións ecolóxicas esenciais de refuxio, alimentación e conectividade ecolóxica, especialmente relevantes durante a época de cría. “Ignorar os períodos biolóxicos das especies é unha mostra máis da neglixente xestión do verde urbano por parte do Goberno do alcalde-leñador”, criticou Igrexas, quen encadrou esta actuación nas prácticas habituais do executivo local, afastadas das boas prácticas recomendadas pola literatura científica e pola normativa ambiental.
Neste sentido, o portavoz municipal nacionalista enfatizou que este feito non é illado, senón que fai parte dun “modelo reiterado de nefasta xestión do arboredo en Vigo”, marcado por podas abusivas, intervencións agresivas e mesmo tallas inxustificadas que están a deteriorar o patrimonio verde e a calidade de vida no conxunto da cidade.
O Bloque volveu poñer o foco tamén na ausencia dun verdadeiro Plan de Poda, ao considerar que o documento actual non cumpre os mínimos técnicos esixíbeis. “Non existe planificación real nin respecto polos ciclos biolóxicos das especies, que deberían ser un principio básico en calquera xestión moderna do verde urbano”, sinalan.
Cambio de modelo
Igrexas apostou por un modelo alternativo de cidade, “un Novo Vigo máis sustentábel, moito máis verde e máis respectuoso coa biodiversidade”, no que o arboredo non sexa tratado como elementos decorativos prescindíbeis, senón como infraestrutura ecolóxica esencial.
Por iso, a fronte nacionalista esixe ao Goberno local que cese inmediatamente todas as podas durante o período de nidificación, que estableza controis efectivos previos para detectar e protexer niños activos e que proceda a unha revisión integral do modelo de xestión do arboredo urbano, ao que cualifican de “ambientalmente insustentábel”.

