O BNG tamén denunciou o “talante antidemocrático” do PP ao prohibir o acceso ao campo de fútbol de Carreira
O BNG de Ribeira denunciou esta mañá a “parálise absoluta” do Goberno municipal do Partido Popular na execución da renovación da grada do campo de fútbol de Carreira, unha actuación valorada en máis de 250.000 euros e que, segundo explicou o exalcalde portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, quedou “co proxecto aprobado e cos cartos dispoñibles” durante a etapa do BNG no goberno municipal.
O exalcalde estivo acompañado polos membros do BNG Antía Alberte e José Sanmiguel, e informaron que esta actuación non contou co voto a favor do PP a pesar de ser unha das demandas máis respaldadas pola veciñanza de Carreira na consulta popular impulsada cando Pérez Barral era alcalde no ano 2025 para coñecer as prioridades de investimento nas parroquias do municipio.
“A renovación da grada do campo de fútbol de Carreira foi unha das actuacións máis votadas polos veciños e veciñas e demandanda tamén polo club de fútbol e por iso decidimos destinar máis de 250.000 euros a unha obra necesaria e urxente”, sinalou o portavoz do BNG. O nacionalista advertiu ademais do deterioro e dos riscos que presenta actualmente a infraestrutura deportiva. “Estamos falando dunha grada que neste momento está apuntalada por piares de obra e que podería virse abaixo ante un temporal ou unha situación meteorolóxica adversa. É unha necesidade urxente actuar canto antes”, afirmou.
Desde o BNG amosan a súa preocupación pola falta de avances nun proxecto do que, segundo explican, xa se encargara un estudo xeotécnico antes de rematar o ano 2025. “Pasaron xa seis meses do ano 2026 e non temos nin sequera licitada a actuación. Estamos ante unha demora inxustificada e sen ningún tipo de información á veciñanza de Carreira nin aos grupos da corporación municipal”, criticou Pérez Barral.
Denuncia por impedir unha rolda de prensa no campo de fútbol
Durante a comparecencia, o portavoz do BNG tamén denunciou publicamente o que cualificou como un intento do Goberno municipal de “obstaculizar o traballo da oposición”. Segundo explicou, o BNG tiña acordado co club de fútbol a realización da rolda de prensa no interior das instalacións para que os medios puidesen comprobar o estado da grada, pero esta mañá recibiron unha chamada “cunha orde expresa” para impedirlles o acceso ao recinto.
“Queremos denunciar o talante antidemocrático da alcaldesa e do PP, que pretende poñer trabas ao traballo de fiscalización que temos que facer como representantes públicos”, afirmou Pérez Barral.
O portavoz nacionalista cuestionou ademais a decisión do Partido Popular ao tratarse dunha instalación municipal sen actividade no momento previsto para a visita. “Non entendemos por que se lle pecha unha instalación municipal a concelleiros e concelleiras elixidos democraticamente pola cidadanía de Ribeira, especialmente cando non había actividade ningunha que puidese interferir. Volven as peores formas de exercer un control político e instaurar a política do medo”, engadiu.
Pese ao sucedido, desde o BNG aseguran que continuarán co seu labor político e de contacto directo coa veciñanza. “Non van conseguir calarnos. Imos seguir traballando da man dos veciños e veciñas, fiscalizando os proxectos e facendo propostas en positivo para Ribeira e as súas parroquias”, concluíu Luís Pérez Barral, quen tamén reivindicou o traballo realizado polo BNG no anterior mandato, “deixando proxectos feitose financiamento para poder desenvolvelos. Imos seguir traballando para que nas parroquias e no centro urbano se fagan os proxectos que deixamos comprometidos polo ben da veicñanza”.

