A oferta formativa céntrase en tres temáticas
Patrimonio, fotografía e contorna dixital son as tres temáticas nas que se centra a décima edición do programa de democratización do coñecemento da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Camiños de Coñecemento e Experiencia en Ribeira.
Máis de medio cento de veciños e veciñas que superan os 50 anos de idade participan neste proxecto que comezou na tarde de hoxe, co Centro Cultural Lustres Rivas como epicentro formativo. Acompañada da directora do IV Ciclo na USC, Esther Olveira, a concelleira de Educación, Nucha Brión, achegouse ata o lugar para saudar ás persoas participantes e comprobar o “éxito” dunha nova convocatoria, á que se suma tamén o IV Ciclo; uns proxectos que “fomentan o envellecemento activo da nosa veciñanza ao mesmo tempo que supón un enriquecemento persoal ao aprender sobre distintas temáticas.”
O seminario O documentalismo fotográfico: do Photo-Secession ás redes sociais marcou o inicio das clases neste 5 de xuño, da man de Katia Cino Rouco, investigadora do Departamento de Pedagoxía e Didáctica deste programa universitario, quen proseguirá no día 11 cun obradoiro.
José Manuel Vázquez Lijó, profesor doutor colaborador do IV Ciclo, ensinará sobre Pazos: microcosmos de antano no día 8 para levar a práctica a unha saída cultural ao Pazo de Goiáns no día 9.
Finalizarase no día 10 con Álvaro Dosil Rosende, profesor da facultade de Ciencias da Educación, para aprender sobre O uso do móbil, sácalle partido e rematar xa coa lección no día 12.

