O Auditorio de Ribeira acollerá o vindeiro 26 de xuño o ‘Mimarte Fest’, un musical solidario coas entradas xa esgotadas a favor das vivendas inclusivas de Ambar

Redacción

• A recadación íntegra do espectáculo destinarase á rehabilitación do Ecosistema de Vivendas Inclusivas da asociación.

• Habilítase unha ‘Fila 0’ a través de Bizum (Código ONG: 14265) para as persoas que queiran seguir colaborando.

A OMIC acolleu esta mañá a rolda de prensa de presentación do Mimarte Fest, un musical solidario que se celebrará o vindeiro 26 de xuño no Auditorio Municipal de Ribeira. O evento, que xerou unha grande expectación, colgou xa o cartel de entradas esgotadas (cun prezo de 5€), transformando o éxito de público nun impulso directo para a inclusión social na comarca.

Na presentación participaron Herminia Pouso, Concelleira delegada de Economía e Facenda; Milagros Rey, presidenta de Ambar; Tania Fuego, responsable técnica e artística do festival; e Sergio Pouso, alumno do Espazo Mimarte e persoa usuaria de Ambar.

Impulso institucional e un fogar para a inclusión

A Concelleira delegada de Economía, Facenda, Vías e Obras abriu a quenda de intervencións destacando o compromiso das administracións locais co tecido asociativo e proxectos que xeran un impacto real na vida dos veciños e veciñas. “Estamos aquí para anunciarvos que o vindeiro venres 26 de xuño imos a ter no auditorio municipal ás 20h da tarde o Mimarte Fest, unha cita cultural que ten fin solidario a favor da Asociación Ambar” expoñía Herminia Pouso. “Grazas a Ambar pola súa incansable labor por lograr unha sociedade máis inclusiva”.

Pola súa banda, Milagros Rey, presidenta de Ambar, amosou a súa fonda gratitude polo apoio recibido: “Grazas ós fondos recadados na colaboración co Espazo Mimarte a través do seu musical solidario, poderemos avanzar na rehabilitación do Ecosistema de Vivendas Inclusivas, o cal resultará clave para materializar este proxecto e ofrecer un recurso fundamental ás persoas usuarias e ás súas familias”.

A presidenta quixo estender os agradecementos ao Espazo Mimarte por impulsar a iniciativa, ao Concello de Ribeira por facilitar os medios loxísticos, e a toda a cidadanía que mercou a súa entrada. Ademais, lembrou que as persoas que queiran seguir colaborando poden facelo a través da Fila 0 mediante Bizum (Código ONG: 14265).

Creatividade, esforzo e segredos por descubrir

A nivel artístico, Tania Fuego comentou os aspectos técnicos e creativos do Mimarte Fest.
Aínda que preferiu non desvelar todos os detalles para manter a sorpresa de cara ao gran día, destacou o enorme traballo que hai detrás do espectáculo e os trazos xerais dunha posta en escena que promete emocionar e divertir a partes iguais. “Van actuar alumnos das diferentes disciplinas que se dan na escola, dende danzas urbanas ata teatro musical… ballet, de todo!”.

A presentación rematou ca testemuña de Sergio Pouso, alumno de teatro en Mimarte e persoa usuaria de Ambar:
“Fago teatro co meu grupo de compañeiros de Mimarte e fago un montón de cousas do que quero ser no futuro. Quero crear xogos, ser actor e cantante”, explicou Sergio, quen compartiu cos asistentes o que máis lle gusta das clases e o seu soño de cara ao futuro no mundo artístico.

Comparte este artigo