O PSdeG denuncia a pasividade de Xunta e Concello tras converter Santiago no destino turístico coa peor evolución do país

Redacción

Gumersindo Guinarte alerta de que a capital galega lidera a maior caída do barómetro de Exceltur e advirte do impacto directo sobre a hostalaría, o comercio e o emprego.

Os socialistas esixen á Xunta un compromiso real coa conectividade aérea e o Xacobeo e reclaman ao Goberno local que deixe de acumular atrasos no desenvolvemento do Plan de Sustentabilidade Turística.

O voceiro do Grupo Municipal Socialista, Gumersindo Guinarte, denunciou hoxe que a inacción da Xunta de Galicia e do Goberno de Sanmartín está a contribuír no deterioro do turismo en Santiago e advertiu de que a falta de reacción das administracións está a consolidar unha tendencia negativa que pon en risco un sector esencial para a actividade económica da cidade.

Guinarte lembrou que o último barómetro de Exceltur sitúa Santiago como o destino turístico con peor evolución dos 102 analizados e destacou que estes datos confirman os xa avanzados pola Enquisa de Ocupación Hoteleira do INE. “Estamos a falar dunha redución moi significativa da actividade”, advertiu o voceiro socialista, unha situación con “consecuencias directas para o sector hoteleiro pero tamén para a hostalaría, o comercio e para moitos empregos que dependen deste sector na nosa cidade”.

O voceiro socialista puxo o foco tamén nos indicadores de rendibilidade turística, que sitúan Compostela á cola do estudo, xa que os ingresos por habitación dispoñible descenden “case un 15%, a maior caída de todo o estudo”. Ademais, destacou outro dato “especialmente relevante”: “Santiago é o único destino urbano galego que presenta unha evolución negativa”, mentres outras cidades continúan mellorando os seus rexistros.

Para Guinarte, esta situación non responde a unha circunstancia puntual. Pola contra, advertiu de que “estes resultados veñen consolidar unha tendencia á baixa que xa se observaba desde hai moitos meses” e insistiu en que “non pode explicarse unicamente polo peche temporal do aeroporto Rosalía de Castro”, polo que considera inaceptable a falta de medidas por parte das administracións competentes.
Neste contexto, o voceiro socialista defendeu que é imprescindible “seguir traballando intensamente na recuperación dun sector esencial para a actividade económica de Santiago de Compostela” e reclamou á Xunta “un compromiso serio e responsable coa mellora da conectividade aérea e coa organización do vindeiro Ano Xacobeo”. Ao seu xuízo, “de momento respecto diso só escoitamos declaracións públicas pero poucos feitos”, unha actitude que cualificou de insuficiente ante os datos coñecidos.

Guinarte tamén reclamou un cambio de rumbo no Concello e sostivo que “é necesario que o Goberno local impulse con máis decisión a mellora da mobilidade e as medidas previstas no Plan de Sustentabilidade Turística”, lembrando que “moitas das cales deberían estar xa plenamente desenvolvidas”.

Para as e os socialistas, a falta de impulso tanto da Xunta de Rueda como do Goberno de Sanmartín está a impedir que Santiago responda con eficacia a unha situación que esixe planificación, investimento e actuacións inmediatas.

Comparte este artigo