O Concello de Ribeira reforza a conexión durante este verán coa praia do Vilar

Redacción

 Esta medida busca mellorar a mobilidade colectiva nestes meses cun dos maiores reclamos turísticos

O Concello de Ribeira asina coa Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia e a UTE XG-847 a implantación dun Servizo de Interese Municipal (SIMU) que reforzará durante este verán a conexión cun reclamo turístico do municipio como é a praia do Vilar. Para a materialización desta medida, a Administración local terá que facer unha achega máxima de 10.053,30 euros.

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, explica que “somos conscientes de que a praia do Vilar é un dos nosos maiores reclamos turísticos e son moitas as persoas, tanto veciños como visitantes, que se desprazan a esta paraxe de gran riqueza medio ambiental durante o verán para desfrutar dos paseos pola contorna e do areal. Nas proximidades rexístrase un elevado volume de vehículos, polo que, para avanzar na mobilidade nesta área, o Concello de Ribeira rubrica este convenio que posibilitará viaxar ata o areal sen necesidade de coller o coche durante os meses de xullo e agosto, con diversas frecuencias en horario de tarde. Pretendemos aliviar así o número de vehículos particulares nas inmediacións e que todo o mundo, tamén quen nos dispoña de turismo propio, poida gozar do Vilar.”

Este acordo busca dar resposta a unha necesidade de mobilidade colectiva dentro do concello mellorando a oferta de servizos que presta o actual sistema de transporte público, ademais da vantaxe que suporá para a promoción turística de Ribeira un avance no traslado de viaxeiros por estrada e, en consecuencia, a diminución da conxestión viaria.

Así, coa finalidade de ofertar un transporte público de viaxeiros que conecte diversos puntos do propio municipio e, ao mesmo tempo, sirva de ligazón cos servizos de transporte regular de viaxeiros de uso xeral que se veñen prestando na actualidade, configurouse un novo servizo de transporte público en tempada estival de carácter municipal dirixido, de forma específica, a atender a afluencia de demanda nos meses de verán e satisfacer as necesidades xeradas pola promoción turística levado a cabo polo Concello.

Comparte este artigo