Marta Abal reclama á alcaldesa e á concelleira de Educación que asuman a súa responsabilidade e garantan o cumprimento das condicións laborais recollidas no contrato do servizo de conserxería e limpeza.
A concelleira socialista advirte de que o conflito xa está a afectar ás actividades extraescolares e á conciliación das familias e alerta do risco de iniciar o curso 2026-2027 cunha folga indefinida.
A concelleira socialista, Marta Abal, esixiu hoxe ao Goberno de Goretti Sanmartín que deixe de desentenderse do conflito laboral que afecta ao servizo de conserxería e limpeza dos centros educativos públicos de Santiago e que actúe de inmediato para garantir o correcto funcionamento dun servizo esencial e evitar que o próximo curso comece cunha folga indefinida.
A concelleira socialista Marta Abal reclamou á alcaldesa e á concelleira de Educación que “tomen cartas no conflito do servizo de conserxería e limpeza dos centros educativos de Santiago”, lembrando que se trata dun servizo “vital e esencial para o bo funcionamento dos colexios públicos”.
Abal advertiu de que “sen limpeza e sen conserxería non hai normalidade nos centros” nin tampouco se pode “garantir a actividade diaria nas condicións que merecen o alumnado, as familias e o profesorado”, polo que considera inaceptable que o Goberno municipal pretenda situarse á marxe dun problema que afecta directamente á comunidade educativa.
Neste sentido, lembrou que “se as melloras laborais e salariais están recollidas nos pregos da licitación”, corresponde ao Concello “esixir o seu cumprimento á empresa adxudicataria”. Por iso, criticou que “non vale mirar para outro lado nin presentar isto como un conflito alleo ao Goberno municipal”, como, ao seu xuízo, está a facer o executivo de Goretti Sanmartín.
A edil socialista puxo tamén o foco nas consecuencias que a situación xa está a provocar no día a día das familias compostelás, ao sinalar que a folga está a ocasionar “a cancelación de actividades extraescolares organizadas polas ANPA”, unha circunstancia que “afecta directamente á conciliación das familias”. Por iso, insistiu en que “non estamos só ante un problema laboral”, senón ante unha situación que repercute “no funcionamento diario dos centros e na vida cotiá de moitas familias”.
Ademais, Abal quixo poñer en valor o labor desenvolvido polo persoal durante a pandemia, lembrando que “xa demostrou o seu papel imprescindible durante a covid-19”, garantindo “a seguridade, a hixiene e o funcionamento dos centros nun momento especialmente difícil”.
Por todo iso, a concelleira socialista dirixiuse directamente á alcaldesa, Goretti Sanmartín, e á concelleira de Educación, Míriam Louzao, para pedirlles “que actúen xa para evitar que o curso 2026-2027 comece cunha folga indefinida”.
“O Concello ten responsabilidade, ten capacidade de control e debe poñerse á fronte da solución”, concluíu Abal, reclamando ao Goberno municipal que abandone a pasividade e exerza as súas competencias para resolver un conflito que afecta a un servizo público esencial.

